O PSOE de Tui perde a maioría absoluta por un voto

TUI

Mónica Torres

A xunta electoral dá por válida unha papeleta que o domingo se considerou nula por estar marcada cun «Si» e os socialistas recorrerán o fallo

29 may 2019 . Actualizado ás 22:09 h.

A revisión do escrutinio pode dar un inesperado xiro aos resultados electorais en Tui . Está en xogo a histórica maioría absoluta que o domingo cultivou para o PSOE o equipo de Enrique Cabaleiro, ao conseguir nove dos dezasete concelleiros electos.

A decisión da xunta electoral aínda non se fixo pública oficialmente pero si transcendeu que a última hora da mañá validaron un voto emitido na parroquia de Randufe e que a mesa deu por nulo o domingo por estar marcado, concretamente cun Si. Sábese que é un voto a favor do PP e, aínda que non hai nada decidido oficialmente, os mentideros políticos do municipio ferven a esta hora ao entender que se trata do número exacto que faría bailar un concelleiro.

Ese edil que perdería o PSOE deixaríaos con oito representantes electos e gañaríao o PP, que conseguiría tres representantes na futura corporación. A nivel local están a vivirse estas horas con gran intensidade debido ao impacto real e directo sobre a conformación da nova corporación.

Enrique Cabaleiro avanza que, en canto dispoñan da acta, recorrerán a decisión ante a xunta electoral provincial. «A Lei é clara, calquera voto con emenda é nulo», manifesta o representante socialista.