Localizan un dobre fondo na pirotecnia ilegal de Tui con máis explosivos

M.Torres / M.Moralejo

TUI

A empresa que realizaba o rebo das casetas, tras a retirada de 2.800 quilos de material, localizou o agocho nun galpón usado como cocheira

13 dic 2018 . Actualizado ás 16:30 h.

A sede da pirotecnia ilegal de Tui, responsable da explosión que causou dous mortos e decenas de feridos, tiña un agocho secreto para almacenar máis material. A empresa que se encarga estes días da destrución das 25 casetas usadas como almacén na parroquia de Baldráns localizou un dobre fondo nunha construción, usada como cocheira, onde se escondía máis material pirotécnico. 

Destas instalacións retiráronse recentemente 2.800 quilos de produtos que foron retirados e estourados nunha canteira do Porriño para evitar riscos. A Garda Civil daba por rematada o labor ata que recibiron o aviso da empresa responsable do rebo. Ata a zona hanse desprazado efectivos dos Tedax para a retirada dos elementos. 

O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín apuntou, tras darse a coñecer a noticia, que os traballos de demolición quedarán suspendidos ata que a Garda Civil poida certificar que a zona está libre de material explosivo. O rexedor explicou que «parece ser que estaban ocultos ou semiocultos, dime a Policía Local que eran explosivos bastante antigos, será un xuizo de valor estar ocultando adrede ou non, iso non vou a entrar á valoralo, pero parece que estaban bastante ocultos». 

Efectivos da Garda Civil presentáronse xa na zona para retirar o material, que segundo transcendeu trataríase dunha cantidade importante e estaba xa elaborado.

O responsable das instalacións, Francisco González Lameiro, está actualmente en prisión preventiva tras a explosión do zulo ilegal que tiña a tres quilómetros da empresa.