A xuíza de Tui refará o relato do atropelo mortal dos ciclistas para ver se houbo fuga

e. v. pita VIGO / LA VOZ

TUI

Óscar Vazquez

A Audiencia ordenou á maxistrada que escriba outra resolución na que valore se o condutor abandonou ou non aos feridos da Guarda

20 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A Segunda Sección da Audiencia de Pontevedra ordenou ao xulgado de instrución número 3 de Tui que inclúa no seu relato de feitos que o condutor de 90 anos implicado no atropelo dun pelotón de ciclistas na Guarda abandonou aos feridos tras arroialos o 12 de marzo do 2016. Considera que a xuíza fixo un sobresemento implícito do delito de omisión do deber de socorro sen valorar eses feitos nin motivar a súa resolución. Todo isto obrigou á xuíza a reeditar o seu auto de procesamiento, que probablemente refaga na mesma liña de arquivar tal delito de fuga pero emendando o defecto de forma.

A sala remitiu en setembro á xuíza un auto para indicarlle que, loxicamente, debía modificar o relato de feitos do seu auto de procesamiento, que deixa sen efecto, e engadir a fuga do condutor con liberdade de criterio para ditar outra resolución que contemple estes contidos.

A Audiencia recalca que non caben sobresementos implícitos e que a xuíza debe exteriorizar o resultado da súa investigación sobre o comportamento do investigado despois dos atropelos. Debeu valorar o relato dunha testemuña que pediu ao condutor que detivese a marcha e o que este lle contestou. A xuíza imputoulle un dobre homicidio por imprudencia grave e nove delitos de lesións imprudentes.

Unha letrada dos lesionados interpuxo na Audiencia un recurso de apelación directo ao auto de procesamiento de abril para que valorasen a omisión de socorro. A xuíza viu «indicios bastantes» de que o incriminado conducía pola estrada PO-552, de Vigo a Tui, cando nun tramo recto con boas condicións de visibilidade e meteorolóxicas, «non advertiu» a presenza de 14 ciclistas e «tras pasar aos dous que circulaban de últimos, realizou un posterior atropelo múltiple ao arroiar sorpresiva e sucesivamente aos seguintes, continuando a súa traxectoria recta sen cambiar de dirección».