Salceda e Tomiño reciben 20.000 euros da Deputación para axudas básicas de urxencia

La Voz

TOMIÑO

Estas achegas inclúen por primeira vez o pagamento de tratamento odontológicos e de produtos de apoio para persoas con diversidade funcional

25 sep 2017 . Actualizado ás 13:35 h.

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a adxudicación dun segundo grupo de axudas básicas de urxencia para os Concellos de Tomiño e Salceda de Caselas, cun orzamento total de 19.700 de euros, dos que 15.500 estarán destinados a gasto corrente e 4.200 a investimentos. Estas achegas están dirixidas aos servizos sociais comunitarios municipais dos concellos de menos de 20.000 habitantes para atender as demandas urxentes e necesidades puntuais da cidadanía que se atopa en situación ou risco de exclusión social, con especial atención a aquelas persoas con menores ao seu cargo. Así mesmo, entre as necesidades, este ano inclúense como novidade o pagamento de gastos derivados de tratamentos de odontoloxía e o pagamento de produtos de apoio para persoas con diversidade funcional ou dependencia.

En concreto, o Concello de Tomiño recibirá 10.200 euros, dos cales 8.000 destinaranse a gasto corrente e outros 2.200 a investimentos. Pola súa banda, Salceda de Caselas terá unha achega de 9.500 euros, dos que 7.500 serán para gasto corrente e outros 2.000 para investimentos.

As persoas beneficiarias destas axudas poderán empregalas para alimentación, uso de vivenda (pagamento de alugueiro ou hipoteca, axudas para acondicionar a habitabilidade da vivenda), pagamento de recibos (luz, auga, gas ou gasóleo), pagamento de produtos de hixiene e limpeza (lejía, deterxente, xabón, desodorizante, hixiene feminina), pagamento de produtos farmacéuticos (prescritos por persoal facultativo), adquisición de electrodomésticos básicos (lavadora, quentador, cociña, frigorífico, deshumidificador...), pagamento de desprazamentos para recibir tratamentos, facer xestións ou participar en actividades, pagamento de lentes e audífonos e axudas de apoio á infancia.