En liberdade o único detido polo crime de Salceda de Caselas

La Voz

SALCEDA DE CASELAS

M. MORALEJO

Apuntan a un posible erro na identificación como causa do incidente

19 jun 2019 . Actualizado ás 23:10 h.

O Xulgado Mixto número 1 de Porriño acordou de oficio a posta en liberdade do home detido pola súa presunta participación no crime de Salceda de Caselas. Á vista das ampliacións do atestado presentadas pola Garda Civil no xulgado este luns e hoxe mesmo, onde se fai referencia a existencia dun posible erro na identificación, a xuíza entendeu que no momento actual, e á vista do cambio de circunstancias, non se xustifica o mantemento dunha medida tan gravosa como a prisión provisional.

Polo momento, e ata que se realicen en sede xudicial diversas dilixencias de investigación pendentes, o home permanece en calidade de investigado na causa e terá que comparecer nos xulgados quincenalmente.

A vítima, de 24 anos e musulmán, apareceu morto tras recibir tres puñaladas. Os feitos ocorreron na madrugada do pasado 8 de xuño na zona de lecer nocturno de Salceda. Pasaban as cinco da mañá e segundo algunhas testemuñas, a liorta podería ter empezado nun pub, aínda que outros a localizaron na vía pública. Ao parecer, a vítima recibiu os mortais golpes e aínda intentou fuxir ao ser perseguido polo atacante. A identidade do presunto culpable transcendeu a media mañá do sábado. A tese da investigación, apontoada en probas testificales, sinala ao sospeitoso protagonizando o altercado, acoitelando e perseguindo á súa vítima antes de desaparecer. Ás poucas horas, xa de día, tería intentado dar aparencia de normalidade presentándose no seu posto de traballo.