Sete denuncias por incidentes con cans soltos en Redondela

Monica Torres
Mónica Torres REDONDELA

REDONDELA

MONICA IRAGO

Medio Ambiente confirma que se rexistrou casos de mordeduras a persoas e a outros animais

30 abr 2021 . Actualizado ás 02:00 h.

O departamento de Medio Ambiente de Redondela, dirixido por Roberto Villar, tramita varios expedientes contra propietarios de cans que non os levaban debidamente atados, tras rexistrarse varios incidentes «como mordeduras a persoas e a outros animais». O edil confirma que, nas últimas semanas, rexistráronse xa sete casos, cinco en Chapela e outros dous en Quintela e Reboreda respectivamente. A Policía Local realizou os pertinentes informes que agora tramita o Concello e que deberá resolver a Xunta, con sancións que oscilan entre os 500 e os 2.000 euros. O concelleiro lembra que só poden ir soltos nos lugares e parques autorizados xa que a Lei obriga a que circulen sempre pola vía atados.

O concelleiro mostrou tamén o seu profundo malestar por un novo caso de malos tratos animais rexistrados no municipio. Unha veciña localizou fai unha semana cinco gatos recentemente nacidos nun colector da parroquia de Quintela e, de novo, hai que lamentar outro feito similar. «Estes actos son de especial gravidade e o Concello fará todo o posible para dar cos responsables», advertiu Villar, tras confirmar a localización de dous novos abandonos en Rande e Cidadelle. O concelleiro lembra que se os propietarios non queren facerse cargo das crías, poden recorrer ao Concello, que está a levar a cabo labores de prevención, como a esterilización de varias colonias.