Nenos con diversidade funcional e sen ela interaccionan con obras do Museo

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

REDONDELA

CAPOTILLO

O programa Expresarche naceu en Redondela e agora desenvólvese en Pontevedra

17 novs 2019 . Actualizado ás 16:37 h.

Un programa de expresión plástica para a integración social que conta con prazas reservadas para nenos con diversidade funcional. Así presentan as arquitectas Ana Barreiro e África Martínez o que é Expresarche. Trátase dunha iniciativa que naceu fai catro anos en Redondela en colaboración coa Fundación Filomena Rivero Alonso. Alí non só había menores con diversidade funcional (autismo ou parálise cerebral) e sen ela, senón que tamén participaron rapaces en risco de exclusión social.

Desde Taller Aberto, a entidade que realiza o programa, comentan que a idea era impulsar actividades relacionadas coa expresión artística para que todos puidesen participar. «Non nos interesan tanto os resultados, como os procesos», recalca África. Con esa experiencia consolidada en Redondela, presentaron o proxecto á nova dirección do Museo de Pontevedra, aproveitando que lle queren dar un carácter máis social.

«O espírito é o mesmo que en Redondela, integrar a nenos con e sen diversidade funcional e adaptar as actividades ao espazos do Museo». Neste aspecto pódese dicir que saíron gañando, xa que o espazo de Redondela era «anodino» e o do Museo ofrece moitas máis posibilidades. Expresarche arrincou o pasado setembro e consta de dez sesións. Fíxose unha convocatoria aberta e o que se pide ás familias dos nenos, xa que o programa é gratuíto, é «un compromiso de participación para que poidan facer piña e déanse as interaccións», apunta Ana. Tamén teñen presente a que os nenos con TEA non lles gustan os cambios.

Eran un máximo de 14 prazas e cubríronse 12 con nenos de 6 a 13 anos. En Pontevedra non se logrou que fosen seis con diversidade e seis sen ela, como si pasou en Redondela. «Non se logrou ese equilibrio e hai máis sen diversidade, pero o importante é que os nenos son transparentes. Ao principio non se achegan, preguntan que por que non se move, e ao intre xa lle queren pór a cera».

A cita é todos os xoves, ás 17.15 horas, no Sexto Edificio. Saben, contan as arquitectas, que teñen que respectar as normas dos museos: non correr, non tocar e non berrar. Tamén destacan que coinciden con público que participa nas visitas guiadas -«é bo que o vexan»- e teñen acceso á sala de exposicións. Na primeira sesión trataron o punto como elemento principal da linguaxe plástica e traballaron cunha obra de Salvador Cidrás feita de pequenos puntos. «Observan, preguntan e debatemos. O que vemos é que os nenos non están habituados a entrar no Museo». Noutra sesión foi unha paisaxe de Manuel Ruibal a obra escollida, Árbores en inverno. Os nenos teñen tendencia a debuxar as árbores da mesma forma, un pau marrón e unha nube verde. «Cunhas mínimas nocións de arte queriamos que comprendesen a diversidade do mundo natural, hai mil xeitos, como mil colorees ou mil persoas. A arte tamén serve para abrir a mente». Esa sesión acabou coa creación conxunta dunha árbore feita con follas naturais. Na deste xoves tocaba tratar o retrato e o autorretrato coa obra de Laxeiro O espanto. Para iso tiñan fotos súas impresas para traballar distintas técnicas e expresións. «O Museo xa ten un Gabinete Didáctico e esta actividade complementa o seu labor», entende África.

Abramos as portas: cara a un Museo + Social

 

José Manuel Rey García

Vivimos nun mundo en permanente cambio. As realidades sociais están a mudar día a día, e os museos tamén. Afortunadamente, atrás quedan aqueles museos que sufrían o mal da solemnidade, preocupados por manter a fidelidade dunha elite social que gozaba coas súas coleccións e cun relato só accesible aos iniciados. Hoxe, os museos apuntan nunha dirección ben diferente, tratan de comprender a complexa relación que establecen co seu público, e de colocar o foco nos cidadáns máis que nas coleccións. Por esta razón moitos museos están virando, sen desatender as súas funcións tradicionais, cara ao museo social, converténdose nunha ágora na que se promove o diálogo, a inclusión, a participación e os procesos de transformación social.

Precisamos converter aos museos en institucións máis próximas ás inquietudes e anhelos da sociedade, transformalos nun espazo multicultural que reforce a participación cidadá, dea visibilidade ás mulleres como suxeitos activos nos procesos de construción social, e fomente a inclusión de persoas e colectivos situados nas marxes do sistema museístico. A última enquisa sobre hábitos e prácticas culturais en España indica que máis dun 59 % da poboación non visitou un museo no último ano. Moita non foi nunca, e tampouco amosa interese por facelo. É o que nos estudios de público se adoita chamar «non público». Se, verdadeiramente, os museos queremos ser útiles á sociedade debemos ser conscientes desta fractura, reforzar a presenza destas audiencias pouco representadas, e esforzarnos por ofrecer a toda a poboación as mesmas oportunidades de gozar e aprender cunha oferta de ocio intelixente, que axude a formar homes e mulleres máis comprometidos socialmente.