A SAR quere dar un paso adiante

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo VIGO / LA VOZ

REDONDELA

XOAN CARLOS GIL

O club aposta por un modelo máis profesional para que todos os seus xogadores sigan a mesma filosofía

02 oct 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

HAINA quen di que para entender o deporte desde o banco o idóneo é vivilo antes sobre a pista. É un apartado que Verónica Posada ten ben cuberto. Con once anos comezou a moverse co balón de balonmán na man e desde entón practicamente non se separou del. Primeiro foi xogadora, máis tarde adestradora e preparadora física e agora engadiu ás súas responsabilidades a de ser coordinadora da base da Sociedade Atlética Redondelana, o club do que formou parte máis de media vida.

«Comecei a xogar cando tiña once anos. Ao marcharme a estudar INEF a Oleiros continuei compaxinando as dúas cousas, pero marcheime de Erasmus e tiven que deixalo. Cando regresei, volvín e propuxéronme adestrar en benxamíns. Dixen que si de inmediato», lembra. Pero Verónica entendía que debía asumir a súa responsabilidade do mellor xeito e comezou a especializarse. «Quixen facer o ciclo de adestradora de grao medio e o superior e saqueime o título de nacional». Entendía que para sacar o máximo rendemento aos seus xogadores debía pór todo da súa parte, e o club recoñeceu ese esforzo. Hai uns meses, cando se expuxeron crear a figura de coordinador da base, ela foi a elixida. A tarefa está a resultar ardua, pero satisfactoria.

«O que buscamos é profesionalizar un pouco máis o club. Eu coordino a base e outro mozo, Iván Vázquez, que tamén xoga no equipo de estatal, encárgase de coordinar a base masculina. Formámonos para isto e queremos facelo o mellor posible», debulla Verónica. A súa axenda está ata os topes. Coordina, exerce de preparadora física do equipo de División de Honra Prata e é adestradora do de Autonómica. Moitas horas e dedicación encamiñadas a conseguir que a SAR dea un pasito adiante.

«O que facemos é deseñar os obxectivos de formación por etapas, sinalando cal é o reto para cada idade, temos reunións con adestradores e intentamos que se implante un modelo no club. A idea é traballar todos a un tempo para sacar adiante xogadores para o primeiro equipo, que sexan de Redondela na medida do posible e que nos dea para manternos ou soñar con algo máis se é posible». Na actualidade o peso dos xogadores da canteira nos buques insignia do club xa é moi notable. En mozos chegou algún reforzo de fóra, e en mozas dez das catorce xogadoras creceron defendendo o escudo da SAR.

No club de Redondela teñen claro que para acadar un bo futuro hai que establecer uns alicerces sólidos. «Queremos ir ladrillo a ladrillo, ir traballando cada cousa en cada etapa e instaurar o mesmo modelo en cada categoría», explica a coordinadora. A nivel práctico, iso supón por exemplo que o traballo con benxamíns e alevíns teña un 50 % de xogo. «Trátase de que non se aburran, que estean todo o intre facendo algo e participando, é fundamental que todos os nenos se sintan implicados. A partir de alevíns xa pretender que nos adestramentos traballen, melloren e aprendan con xogos máis específicos para avanzar, e desde infantís, aínda que sempre hai o compoñente lúdico, a idea é especializarse un pouco máis. Os nenos e nenas a esa idade xa asumen que están para pasalo ben, pero á vez xa adquiren certo compromiso». O paso por cadetes e xuvenís é como unha barreira. O factor competitivo xa entra moito máis en escena, a carga de adestramento é maior e algúns xa se ve que hai xogadores que despuntan. A esas idades os papeis xa están definidos. «Xeralmente en alevíns empeza a ordenarse máis o adestramento e vas vendo as características dos xogadores, todos xogan a todo, pero xa detectas cal pode ser o seu posto, en infantís xa están eses roles delimitados», debulla Posada .

Máis de 200 integrantes

Na actualidade a SAR conta con máis dunha vintena de adestradores e monitores que atenden a máis de 200 nenos que van crecendo no apartado deportivo e tamén humano, e un dos aspectos que Verónica celebra é o equilibrio logrado á hora de apostar polos equipos masculinos e femininos. «Desde que entrou a actual directiva apostouse polo equipo feminino e agora teñen igual repercusión, trabállase en igualdade de condicións», explica. Ela, que estivo sobre a pista moitas tempadas, agora vive desde o banco a outra parte da ecuación. «O ano pasado necesitaba quitarme o mono de xogar e estiven no equipo de Autonómica, pero agora preferín adestrar. Realmente non se se o gozo máis ou menos, pero sei que é diferente. Xérame nervios, noites sen durmir e romperme moito a cabeza, pero achégame tamén moitas satisfaccións, se non fose así, non o faría», describe.

A SAR está a iniciar unha nova etapa, máis profesionalizada, e Verónica Posada quere ser parte dela.