Nava Castro: «Nunca me vin á sombra do meu pai»

Monica Torres
mónica torres PONTEAREAS /

PONTEAREAS

XOAN CARLOS GIL

A candidata do PP  volve «con máis bagaxe e experiencia» para pelexar a alcaldía de Ponteareas. Reverterá a peonalización «de forma consensuada»

31 ene 2023 . Actualizado ás 23:38 h.

Nava Castro deixará de ser a directora xeral de Turismo en maio, tras dez anos a cargo de este departamento, para asumir o reto de conseguir a alcaldía de Ponteareas para o Partido Popular. Móstrase segura, ilusionada, con bagaxe e as ideas moi claras. Hoxe iniciará as reunións para facer a candidatura. Entre as súas prioridades está reabrir o auditorio e dotar ao municipio de todos os servizos que debería ter.

—Viuse obrigada a aceptar ser a candidata?

—Non. Axiña que mo propuxo o presidente só lle pedín tempo para dicirllo á miña familia e, por suposto, xa lle contestei que si, desde o momento que para min é o meu concello e quéroo moitísimo. Gústame como é Ponteareas e por iso levo toda a vida vivindo no mesmo sitio. Preséntome con moita ilusión e moitas ganas.

—Que lle dixo o seu pai?

—Toda a miña familia próxima, incluíndo ao meu pai e os meus irmáns, sorprendéronse. Pero en canto viron que eu apostaba por liderar este reto, todos me apoiaron ilusionados. O meu pai tamén. Botarei moito de menos á miña irmá Pilín, que faleceu fai cinco anos e que era o noso puntal sempre en todo o que tiña que ver no partido.

—Que hai entre a Nava Castro de agora e a do 2003?

—Volvo con máis bagaxe, con bastante máis experiencia e sobre todo coa tranquilidade que dá a idade. Sei que vai haber críticas, pero que hai que diferenciar as fundamentadas das que só pretenden eliminar á adversaria. Aceptamos as críticas cando sexan construtivas. Creo que nos debemos a escoitar ás persoas e a axudalas nas súas demandas. Teño a bagaxe e as experiencia de todas as responsabilidades que tiven en distintos organismos da propia Xunta. Na época de Comercio, coas preferentes tocoume que Europa nos recoñecese o sistema arbitral de consumo para que aos afectados non se lle considerasen investidores senón aforradores. Lográmolo e, a partir de aí, fomos devolvendo grazas a esa arbitraxe todo ao momento. Como máxima responsable de Turismo foi unha aprendizaxe e un contacto directo con todo o sector. Os datos falan: desde que estou como responsable de Turismo se incrementou o número de visitantes, pero tamén de criterios se temos en conta a calidade.

_Supoño que no 2003 víase máis á sombra do seu pai, alcalde durante 32 anos...

—A xente vía que estaba á sombra do meu pai, crían que sempre estaba detrás de min, pero como todos os pais, que che aconsellan. Sempre estiven moi orgullosa e respectei a opinión e consellos do meu pai, familia e achegados, pero nunca estiven á sombra, tampouco entón. Ademais, no 2003 eu era a única muller candidata á alcaldía

—Valora incluír ao seu pai como asesor ou edil?

—Cando teñamos a candidatura, que vai ser moi participativa, vou escoitar a todo o mundo. Terei en conta todo o que nos axude a gañar e a conseguir os mellores resultados, pero asesor téñoo gratuíto, non o teño por que levar na candidatura.

_Como valora a xestión do goberno do BNG?

—Para min, é moi cuestionada e as posibilidades que tiveron están á vista de todos. Houbo unha gran manifestación, non só do comercio, senón da poboación, onde claramente se lles estaba dicindo que se estaban equivocando, pero non escoitan. Creo que non se está cumprindo con oportunidades como a do Edusi ou a área de Rehabilitación Integral. A execución é lenta.

—Vai reverter a peonalización do centro se gaña a alcaldía?

—Por suposto, pero sempre de xeito consensuado, escoitando ao pobo, aos comerciantes e á hostalería. A primeira crítica das parroquias é que non poden chegar ao centro con tranquilidade e que prefiren ir aos supermercados da contorna ou doutros concellos. Hai que facer un pobo accesible, cómodo e que de servizo.

_Volverá á Xunta se non gana?

—Iso xa non mo expoño. Eu expóñome gañar. Vou gañar.