Investigados tres veciños de Vigo por pagar con billetes falsos en negocios do sur da provincia

La Voz

PONTEAREAS

M.MORALEJO

Ponteareas, A Cañiza, Mos e Moaña son os municipios afectados

13 novs 2020 . Actualizado ás 18:12 h.

A Garda Civil investiga a tres novos veciños de Vigo, dous homes e a noiva dun deles, de idades comprendidas entre 25 e 37 anos de idade, como presuntos responsables de introducir no mercado billetes falsos de 20 euros, que empregaban para pagar compras ou servizos en diferentes establecementos da provincia de Pontevedra. A investigación iniciouse hai 3 meses, cando se detectaron pagamentos con billetes falsos en varios locais comerciais de Ponteareas. Os pagamentos eran realizados por mozos que, ou ben individualmente ou ben en grupos, facían compras pequenas e recollían a volta do importe que pagaban con billetes falsos. Así, a principios de agosto, o dono dunha pizzería de Ponteareas alertou de que un cliente lle pediu cambio para a máquina de tabaco, e entregoulle un billete de 20 euros, que resultou ser falso. Co paso das semanas, a Garda Civil recibiu unha vintena de denuncias por feitos similares.

A maior parte dos pagamentos con billetes falsos produciuse en Ponteareas, aínda que tamén se detectaron idénticos procedementos nas localidades da Cañiza, Mos e Moaña. Finalmente, as pescudas frutificaron coa identificación de tres novos, todos con antecedentes policiais, e aos que tamén se lles relaciona con dúas supostas estafas (por encher e marcharse sen pagar nunha gasolineira de Mos e noutra de Ponteareas). Os mozos quedaron en liberdade en sede policial, pero a investigación segue aberta e a Garda Civil trata de identificar outros establecementos afectados que aínda non presentaron denuncia. Os investigados terán que comparecer no xulgado de Ponteareas cando sexan requiridos.