O tesouro

Eduardo Rolland
Eduardo Rolland A BUJÍA

PONTEAREAS

28 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Esta semana decateime de algo: hai un tipo que se chama Santi Araújo, que é de Ponteareas, e que ten un disco chamado Catedral, producido polos grandes de Esmerarte. Coñecín a súa existencia por un xogo. Resulta que hai unha chea de xente en Galicia que está buscando un tesouro que escondeu nalgún lugar ignoto. E, para atopalo, sólo dá unha pista: «A solución está dentro do disco».

Uns colegas levan toda a semana camiñando polos montes entre Verín e A Mezquita, onde supoñen que se atopará a caixa misteriosa. Aínda que hai debate: nos últimos días, outros buscadores rastrexan polas leiras de Laza e Xinzo de Limia. Todos seguen un mapa de Galicia do século XVIII que aparece na cuberta da súa elepé. E unha estraña marca dunha árbore. Tamén estudan as paisaxes que retrata no seu videoclip, onde ven unhas misteriosas montañas nevadas. Todo isto o conto porque aviso: a cousa estase viralizando.

Sábeno ben nos cuartelillos da Garda Civil de varias vilas de Ourense, onde aparece xente mostrando o vídeo, o disco, o mapa e calquera cousa que poida valer como pista. O tesouro consiste nunha caixa que encerra unha cinta magnetofónica, onde Araújo gravou 6 temas inéditos. Un deles só o cantou para esa cinta e asegura que non o vai volver a cantar na súa vida. Quen o atope, ten unha obra de arte exclusiva.

Todo isto resulta tan surreal que non podo evitar contalo. Tampouco podo deixar de escoitar o disco deste tipo de Ponteareas. Un talento. Recomendo compralo. Se cadra é o tesouro…