Achan unha capela trasaltar do século XIII na igrexa de Oia

Monica Torres
MÓNICA TORRES OIA / LA VOZ

OIA

rodríguez `+ pintos arquitectos

O espazo atopouse tras eliminar os recheos non orixinais

16 ene 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

A restauración da igrexa de Oia sacou á luz os restos dunha antiga capela trasaltar. «Foi unha marabillosa sorpresa», explica o arquitecto Santiago Pintos, membro do estudo Rodríguez+Pintos, adxudicatario da intervención que, por case un millón de euros financia a Xunta. Trátase dunha capela primitiva, coetánea coa construción da igrexa, polo que tamén sería do século XII. «Adoitaban estar dedicadas á virxe ou ser usadas como sancristía», apunta o arquitecto. A expensas dos resultados da escavación que estes días levan a cabo os arqueólogos, Pintos avanza que se localizaron restos dos muros e que aínda non se sabe se haberá pavimento.

É o achado «máis inesperado», pero non o único descubrimento da intervención que pretende salvar a xoia patrimonial do Camiño pola costa da auga tras décadas de filtracións e gotearas que cubriran de verdín parte dos seus muros. A igrexa loce xa outro aspecto moito máis saneado e gañou visibilidade porque se ha desenterrado ata dous metros ao eliminar algúns recheos de terra que non eran orixinais. «Creemos que será algo que chamará a atención dos visitante. A igrexa enterrada tiña unhas proporcións exteriores parecidas a unha capela e agora emerxe cunhas impresionantes proporcións orixinais», indica Santiago Pintos.

A prioridade é salvagardar a saúde do monumento, comprometida pola humidade e estes recheos afectaban directamente á falta de respiración do conxunto. «Xa se empezan a apreciar melloras. Tras quitar eses recheos que non eran orixinais e mellorar a ventilación abrindo ocos que estaban tapiados, xa están desaparecendo os liques», confirma Santiago Pintos. «Os monumentos que chegaron ata nós son marabillosos e están moi ben construídos. Ás veces, trátase, precisamente de non cambiar o que está ben feito e nós, en Oia, o que pretendemos é recuperar o comportamento construtivo correcto», sinala o arquitecto.

Ao baleirar a cimentación da torre barroca, do século XVIII, descubriron ademais o paso que comunicaba a antiga sancristía coa torre primitiva da igrexa. «Creemos que é o paso orixinal á torre, que probablemente se cegou no século XVIII. É unha pequena bóveda», explica Santiago Pintos.

As actuacións céntranse nas fachadas e cubertas e prevese que a intervención conclúa no outono. Entre as melloras visibles, Pintos destaca «un atrio renovado, unha entrada accesible, unhas novas carpinterías, unha sancristía actualizada ou unha mellora das redes urbanas». Nestes momentos estanse retirando os morteiros de cemento.

Destaca o éxito de abordar a intervención desde un enfoque multidisciplinar, coa asistencia de especialistas como o historiador Suso Vila, arqueólogos de Acitania, restauradores de ARA e técnicos da Xunta. «Esta restauración supón un cambio extraordinario para a conservación da igrexa e para profundar no seu coñecemento. É unha das igrexas cistercientes mellor conservadas en España.», sinala Suso Vila. O historiador destaca como «redescubrir o seu perfil, máis elegante, ou atoparnos con achados como na torre ou na cabeceira, supón explorar aínda máis a súa importancia na historia da arte en Galicia».