Un home pasa catro anos na lista de espera e agora cadúcalle o preoperatorio

Ángel Paniagua Pérez
Anxo Paniagua VIGO / LA VOZ

OIA

Óscar Vázquez

A consulta anterior á cirurxía ten unha validez de seis meses e no caso de José caduca porque non lle chamaron

18 jul 2018 . Actualizado ás 07:45 h.

José Valverde acumula xa catro anos e un mes agardando unha operación de columna. O 12 de xuño do 2014 entrou no rexistro de pacientes en espera no Meixoeiro e onde aínda non entrou en xullo do 2018 é o quirófano. Este home de Oia, antigo mariñeiro, confiaba en que por fin podería facelo este ano, porque no mes de xaneiro fixera o preoperatorio, a consulta de anestesia previa a calquera intervención, na que se fan probas e un anestesiólogo revisa o historial do paciente para confirmar que pode someterse ao proceso.

Os preoperatorios teñen unha validez de seis meses. O de José caducou o día 11. Isto significa que, despois de 49 meses de espera, o seu problema alongarase. Porque agora aínda terá que someterse a outro preoperatorio e logo daranlle a cita para entrar en quirófano.

A enfermidade de José é vella. Desde mozo padecía lumbociatalgias crónicas, con fortes dores de costas. No ano 2005 a situación volveuse insostible e, cando estaba nas Seychelles faenando, tivo que ser repatriado. Abandonou o mar, pero as súas costas non mellorou. Os médicos decidiron que o mellor era soldar tres das súas vértebras, así que o 12 de xuño do 2014 incluírono na lista de espera oficial. Catalogouse como de prioridade 2, ou o que é o mesmo, debía ser operado por un traumatólogo en menos de 60 días.

Ao cabo duns meses ofrecéronlle irse a un hospital privado, pero rexeitouno. Cando un paciente rehúsa esta opción, o Sergas clasifícao noutra lista de espera, chamada non estrutural. Cada seis meses fai públicos os datos da lista oficial, pero os da non estrutural non.

En todos estes anos a dor empeorou. «Non aguanto de pé máis de dous minutos», asegura José. «É unha situación illada e excepcional», asegurou o mes pasado o xerente da área sanitaria de Vigo, Félix Rubial, cando La Voz deu a coñecer o caso de José Valverde e os seus catro anos en lista de espera. «Falaremos cos traumatólogos e poremos unha solución canto antes», asegurou o xerente. Algunhas fontes do Chuvi din que estaba previsto chamar a José, aínda que oficialmente o Sergas non deu ningunha explicación. En todo caso, durante o verán a actividade cirúrxica cae, polo que será complicado que a este home que vai para 50 meses agardando póidano operar.