Os muíños do Picón conseguen a mesma protección que os do Folón

Monica Torres
Mónica Torres O Rosal

O Rosal

MANUEL MARRAS

A Xunta amplía a catalogación de Ben de Interese Cultural ás 67 construcións do conxunto etnográfico do Rosal

13 jun 2019 . Actualizado ás 21:43 h.

Con 21 anos de demora pero a dita é boa. O Consello da Xunta ampliou a catalogación de Ben de Interese Cultural a todo o conxunto dos muíños de auga en fervenza de maior valor etnográfico de Galicia, situados no Rosal. Onte fíxose xustiza e, o propio acordo da Xunta recolle que a ampliación do nivel de protección do conjuntom que ademais conta coa categoría de Lugar de valor etnolóxico, «permite corrixir unha disfunción da declaración orixinal, garantindo o mesmo nivel de protección para a totalidade dos muíños».

E é que o 22 de xaneiro de 1998 incluíronse no catálogo de bens protexidos de Galicia, os 36 muíños asociados ao Folón pero non os 31 do Picón, polo que só a metade das 67 construcións que conforman este conxunto de finais do século XVII estaban amparadas por esta figura de conservación.

A Xunta inclúe ademais dos muíños no seu catálogo, os sistemas hidráulicos para a súa captación, receptación e distribución de auga e, en especial as regas que conducen a auga aos cubos. Ademais protexe a ermida de San Martiño e os camiños tradicionais, como o da porpia capela. Integran tamén este expediente os camiños que ascenden por Martín e Cereixeira, «que deben ser conservados na súa funcionalidade e localización».

Para rematar e non menos importante, recoñécese o valor da toponimia e teranse en conta outros materiais auxiliares como picos e candís relacionados coa actividade da moenda, sempre que se acredite dunha forma «verídica e complexa todas as dimensións da actividade».

Desde este momento todo o conxunto conta cun nivel de protección integral a pesar de que, enténdese quem nas futuras actuacións e procesos de consolidación, restauración e reconstrución, advirte a Xunta, «poderanse revisar puntualmente algunhas solucións que redunden na mellor interpretación e uso das técnicas tradicionais». «Ademais, atendendo a que, a día de hoxe, a función do conxunto é cultural, poderán acometerse melloras para o uso dos visitantes e unha óptima valoración e interpretación do conxunto», manifesta a Xunta.

Os muíños do Folón foron coñecidos antes como de Riobó, nome que se refería ao río Folón ou San Martiño. Está acreditado que se chegou a moer ata mineral neles e funcionaron ata mediados do século XX. Os do Picón están máis cara ao Leste e alimentábase a rega dá Cal.