O Porriño recibe ao Valladolid na Copa

a voz VIGO

O Porriño

XOAN CARLOS GIL

Isma Martínez cre que teñen opcións no torneo a pesar da entidade do rival

27 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O Porriño recibe hoxe ao Valladolid (20.00 horas) en busca da clasificación para a fase final da Copa da Reina que se celebrará en Guipúzcoa entre o 23 e 25 de abril. O conxunto valisoletano vén de gañar na pasada xornada ao Zuazo, mentres que o equipo de Isma Martínez non puido disputar o seu partido da pasada fin de semana por un caso de covid-19 no conxunto ao que se ía enfrontar, o Morvedre.

Sobre o Zuazo, o técnico do Porriño considérao «o equipo que seguramente mellor se reforzase». «Creo que tocaron postos claves que melloraron moitísimo o equipo. Incorporaron moitísimo talento e lanzamento exterior con Danila e Lorena Téllez ou a xente nova con proxección como Jimena ou Parra», valora.

Resalta que «é un equipo recoñecible que leva moitos anos xogando ao mesmo. Teñen un contraataque letal e unha transición forte». O duelo pasará «por que non se sintan cómodas na transición, pechar o lanzamento exterior e non deixar xogar cómoda a Teresa ».

Agarda que o equipo responda ben tras unha semana complexa na que afrontaron unha viaxe longa para non xogar e só dous adestramentos. Tamén advirte de que un club como o seu non se pode permitir o gasto que supuxo viaxar a Valencia e non poder xogar.