«Síntome máis unha persoa que inspira que unha que inflúe, axudo ao equipo»

e. v. pita VIGO / LA VOZ

O Porriño

Óscar Vázquez

Bugui García é un «coach» do Porriño que mostra aos executivos o camiño á «sabedoría colectiva»

28 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Bugui García (Vigo, 1973) foi booker da axencia de modelos New Models, fundador e socio da axencia Big Lab con Jose Oliveira, director de mercadotecnia e relacións públicas da discoteca Embassi e, agora é facilitador sistémico para organizacións. En paralelo, exerceu dez anos como deseñador gráfico e director de arte e pasou sete anos dando clases de ioga e meditación. Actualmente, reside no Porriño. A pasada fin de semana deu charlas a 13 consultores, coachs, formadores e dous empresarios nun hotel de Vigo. Acompañounos para desenvolver a súa sabedoría colectiva e ensinoulles a achar respostas ao para que, o porqué ou o como da súa empresa. «Traballo dando formación e acompañando a comités directivos nos procesos de transformación das reunións e a cultura da súa organización», explica.

-Que é a sabedoría colectiva?

- Cando un executivo dirixe un equipo, ten crenzas de que el ten que saber todas as respostas. É un pensamento antigo crer que ti tes que ter as respostas como líder. Saber extraer a sabedoría colectiva do teu equipo faiche poder xerar espazos de innovación interna sobre todos os teus procesos. Cando un líder deseña algo el só, ten que convencer o seu equipo do cambio. Cando un equipo acada un alto nivel de sabedoría colectiva, as decisións son tomadas rapidamente e por todos os participantes como súas.

-É vostede un gurú, un influencer ou un coach?

-?O máis próximo sería o dun coach. Pero un facilitador sistémico traballa desapegado do obxectivo, permitindo que emerxa en cada momento o que o grupo necesita traballar e ten ferramentas para axudar a desvelar o inconsciente dun grupo e pólo ao servizo no seu día a día. ?Síntome máis unha persoa que inspira que unha que inflúe.

-Se cen opinan, acertan?

-Hai estudos que afirman que cando un gran número de persoas participan no cálculo de algo, teñen maior opción de acertar. O difícil é escoitar a todos, xa que nas organizacións tendemos a escoitar só a algunhas persoas. Un estudo de Google (o estudo Aristóteles) descubriu que só con escoitar a todas as persoas dun equipo o mesmo tempo aumentaban a súa eficacia e tomaban mellores decisións

-Como empezou nisto?

-Desde que era delegado de clase con 13 anos apaixonoume a xestión de grupos como líder ou participante.?No 2010 empecei o traballo con pemes como facilitador, e a aprendizaxe adquirida e a experiencia deses anos hanse convertido nunha formación para axudar aos equipos e organizacións máis grandes.

-En que consiste ser facilitador?

-O que fago como facilitador sistémico é axudar aos equipos a mellorar os seus procesos e reunións, utilizando o chan da sala para xerar estruturas que os participantes poden habitar e sentir. Adquirir a información desde o sentir, unida á do pensar, revela novos xeitos de facer as cousas, con máis conciencia e aliñación no importante, menos conflito.

-Pode pór un exemplo?

-Os facilitadores somos especialistas en como facer (procesos e cultura), mentres os nosos clientes son expertos en que facer (o seu sector e produto). Como resultado as persoas gozan das reunións dun xeito máis lixeiro, máis profunda e honesta e tamén máis eficiente. Por exemplo, axudamos aos equipos a xerar espazos seguros de comunicación, aprender a dar e recibir feedback, xestionar conflitos, tomar mellores decisións, aliñarse ante a visión e os valores, e outros temas.?

-Vostede imparte cursos en varias comunidades e no estranxeiro. Cal será o próximo paso?

-Traballo principalmente con empresas e dando formación en Barcelona, Bilbao, Navarra e Italia. Os próximos pasos son, por unha banda, continuar coa expansión internacional da facilitación sistémica en Sudamérica e Europa e outras formacións que axudan a un facilitador. ?Tamén estamos montando unha rede de profesionais a nivel nacional para que a facilitación sexa cada vez máis usada nas organizacións.