«Foi un triplo como de NBA»

m. v. f. VIGO / LA VOZ

O Porriño

Óscar Vázquez

Lucas Vaqueiro protagonizou a xogada que rubricou outra vitoria heroica do Porriño Baloncesto Basee

15 ene 2020 . Actualizado ás 06:01 h.

Lucas Vaqueiro (O Porriño, 1989) recoñece que o seu equipo, o Porriño Baloncesto Basee, está a especializarse en «vitorias heroicas», algunhas delas forxadas en canastras aparentemente imposibles. Sucedeulle a Javier Cardito -agora lesionado de gravidade- hai unhas semanas e volveulle a ocorrer ao propio Lucas a pasada fin de semana cun triplo dos que custa asimilar que conseguiches. El descríbeo «como de NBA».

A xogada desenvólvese a falta de 30 segundos, co PBB dous arriba. «A idea era facer unha boa defensa para intentar que non anotasen. Metendo unha canastra aínda quedaban segundos a nós para empatar», analiza. E o que lle pasaba pola cabeza a Vaqueiro no momento de ter o balón era «gastar moita posesión e tirar ao final», lembra.

Cando se dispuña a subir o balón notou que estaban «a presionar moito» e intentou sacar falta e tiros libres para sentenciar o partido, pero non foi así. «Decido pedir un bloqueo directo e xogarma ao final da posesión, pero eles optan por cambiar e non me fan un dous contra un, que creo que sería o lóxico para que soltase o balón», relata. É aí cando o defensor do rival pensa que vai penetrar, que era tamén a súa idea. «Pero vexo que está a recuar e penso: ‘Terei que intentar outro triplo'», xa que ese ía converterse no quinto en seis intentos.

«Díxenme: ‘Se recúa, levántome e tiro'. E xusto cando estaba para tirar, escorrega e cae», comenta engadindo que necesitaría «ver o vídeo» para saber se foi unha finta súa ou como se produciu exactamente. «Me desconcentra un pouco o feito de que se caia mentres fago o tiro. De feito no momento de lanzar pensei que non entraba», lembra. De todas as maneiras, non dubidou en intentar o tiro de tres. «Gañabamos de dous e aínda fallando quedaban poucos segundos. Facendo unha boa defensa podiamos gañar ou se metían ir á prórroga, así que tiña pouca presión, sabía que tirar era unha boa decisión», indica.

Unha vez que encestó, tampouco foi consciente da dimensión da canastra ata que viu a «incrible reacción do público». «Aí si que dis: ‘¡O que acabo de facer!». E a dedicatoria estaba clara, á súa avoa Flora, que non se perde un partido. «Sempre sofre ao verme, leva moi mal o perder, ¡vénme de familia!», comenta Vaqueiro. E o sufrimento na derrota é proporcional á alegría cando a sorte está de cara: «A súa frase é: ‘Xa me podo morrer tranquila'».

Tamén se deu conta de que os seus compañeiros «estaban flipando» e o público, desatado. Tanto, que quixo pór orde. «Houbo un momento que pensei: ‘Para, para, ¡que non acabou o partido!'. Vin perder outros con resultados máis favorables e púxenme serio porque a xente estaba celebrando unha vitoria que estaba encamiñada pero non feita», di lembrando que quedaban doce segundos e no peor dos casos podían «facer dous ataques moi rápidos» e darlle a volta.

Ao finalizar o partido si que xa non houbo contención. «Dixéronme de todo: animal, brutal, incrible, que era un fenómeno... A min só me saía rirme», confesa. Aos poucos foise dando conta do que fixera. «Agora vexo as fotos da celebración do pavillón e póñome ata nervioso. No momento estás concentrado e non pensas no público», apunta.

Vaqueiro, ademais, sempre foi base («tiras pouco, ao final de posesión cando toca»), pero este ano viña xogando de aleiro ata que neste partido volveu á súa posición habitual. «Como teño o chip de aleiro tiro máis e estou peor penetrando, por exemplo». Recoñece que a pasada fin de semana «estaba enchufado».