«Sinto as cores e contaxieime da ilusión do derbi»

M. V. F. VIGO

O Porriño

Óscar Vázquez

África Sempere cre que o Guardés está a sorprender a moitos

10 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

DERBI ENTRE PORRIÑO E GUARDÉS PARA ABRIR O 2020. A primeira xornada do novo ano en División de Honra feminina de balonmán depara un duelo entre os dous equipos galegos da categoría, un Guardés instalado na zona alta e un Porriño ao que se lle resiste o segundo triunfo do curso.

África Sempere estréase como capitá nun derbi, aínda que en medirse ao Porriño xa ten unha ampla experiencia. Contaxiada dunha afección da que fala marabillas, a xogadora do Guardés agarda con ansias este primeiro duelo do 2020.

-Como vive este derbi unha ilicitana este derbi tras catro anos no club?

-Con moitas ganas, porque aquí, na Guarda, como en Porriño, vívese moito e eu xa me sinto en casa e identifícome con eles. Para a afección e para o pobo é o partido máis especial e con todo o cariño que che dan, unha sente moito as cores, así que me contaxiei desa ilusión. É unha rivalidade moi sa, pero se nos levamos os puntos, moito mellor.

-A táboa di que vostedes son as favoritas.

-A priori a xente sempre pon de favoritos aos que van arriba, pero o Porriño é un gran equipo con xogadoras de moito nivel. Creo que necesitaban un tempo de adaptación polo cambio de adestrador e de xogadoras, á parte de que perderon de pouco con equipos complicados. Téñolles moito respecto e creo que poden sorprender na segunda volta.

-En canto ao Guardés, cal é o seu balance do que vai de tempada?

-Moi bo. Había menos presión porque se pensaba que non nos reforzamos con xogadoras de tan alto nivel para cubrir as baixas. Pero as novas están a render a un nivel espectacular e temos unha gran defensa, que para min é clave para conseguir éxitos. Sorprendemos a moitos.

-A día de hoxe, o Guardés aspira ao título?

-Si. Hai que ser ambiciosas e non deixar de crer. Está todo igualado, viuse como calquera equipo pode perder en calquera cancha. Temos que ir aos poucos mellorando para seguir aí arriba.

-Cal foi a clave para que leve xa catro tempadas sen moverse da Guarda?

-Como che trata a afección, que che fai sentir en casa, e o presidente, que cumpre todo o que promete , algo importante cando estás fóra.

áfrica sempere