O Porriño paga 1,1 millóns por unha factura de 533.430 euros

Monica Torres
mónica torres O Porriño / A VOZBAIONA / LA VOZ

O Porriño

Monica Torres

Os intereses por demora de Nelson Santos igualaron a débeda

08 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O pagamento dunha factura de 533.400 euros custoulle ao Concello do Porriño 586.000, entre intereses, costas e minutas da avogada. A alcaldesa, Eva García de la Torre, confirmou onte esta conta, papeis en man, explicando que o equipo de Nelson Santos recorreu esa factura ratificada por sentenza no 2010 a unha empresa de maquinarias subministracións de combustible. Ao perder o Concello «pola teimosía do alcalde», houbo que pagar no 2014 outro tanto, indicou. A rexedora remitiuse a este caso tras advertir o PP hai uns días que unha sentenza obriga agora ao goberno local actual a abonar 11.000 euros á empresa de servizo de mantemento dos campos de fútbol, sumando ao debido intereses legais e costas xudiciais.

De la Torre, acompañada polo edil Manuel Carreira, compareceu onte para aclarar «as infundadas sospeitas que sobre a nosa xestión está infundiendo o PP, creando inseguridade entre os traballadores, provedores e veciños». A alcaldesa destacou a boa saúde económica do Concello, «con máis de 9 millóns no banco», fronte á situación coa que se atoparon ao chegar, «con 1,3 de débeda financeira por un préstamo que o anterior goberno pediu no 2012 e facturas nos caixóns que sumaban máis de 1,8 millóns, que conseguimos pagar nós con moito traballo». As súas contas distan moito das do PP e mesmo das que recolle o informe que o secretario xeral do Concello remitiu á Fiscalía, no que di que a administración local comprometeu por conceptos de limpeza e roza 2.237.973 euros das arcas públicas nos anos 2016 e 2017, mentres que a abonada a empresas entre os anos 2012 e 2015 non foron superiores aos 70.000 euros.

Eva García de la Torre mostrou «os datos oficiais que figuran no Concello e que constan no Ministerio de Facenda e na Xunta». «Estes indican que nos anos nos que o secretario di 70.000, realmente eran 1,4 millóns porque ademais dos 800.000 que metían en orzamentos como pagamento de persoal social, había outros 400.000 consignados cos que se facían plans de emprego e tamén a eses traballadores».

20 empresas sen cobrar 1,7 millóns por falta de acordo

A alcaldesa advertiu que, a pesar de que o Concello «é solvente», non se poden pagar os 1,7 millóns que se deben a 20 provedores «porque o PP non permite sacar adiante os recoñecementos extraxudiciais de crédito». Para García de la Torre é paradoxal, cando o seu candidato aprobou dous en Chenlo. Sinala que a Lei lles obriga a licitar o servizo «e non como facían eles por plans de emprego ou colaboración social».