Gony tamén reina en casa

La Voz VIGO / LA VOZ

NIGRÁN

Surf O vigués proclámase campión galego con autoridade en Nigrán

18 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A praia de Patos, en Nigrán, acolleu onte a Copa Galicia de Surf organizada polo club local, Patos Surf. Un dos grandes atractivos era a presenza, confirmada o día anterior do campión do mundo vigués Gony Zubizarreta, que fixo bos os prognósticos e proclamouse campión cunha puntuación de 17,33 inalcanzable para o resto dos participantes en categoría open, na que reinou o vigués.

O subcampeonato galego levoullo Ignacio Guisasola (Riders), con 11,66, seguido de Martín Casarío, con 9,83, de Prado Surf. Ao seu compañeiro de equipo Miguel Pérez Moneo correspondeulle a cuarta praza con 7,77.

En categoría feminina a gloria foi para Cristina Iglesias , tamén de Prado Surf, cunha puntuación de 14,11. Foi un gran día para o equipo, que colocou a Martina Álvarez no segundo caixón do podio feminino con 11,77. A terceira praza foi para Carlota Barreras (9,86) e o cuarto posto para Alva Lloves (Patos), que logrou unha marca de 2,93.

En categoría máster, o vencedor foi Pablo Romero , outro dos representantes de Prado Surf nesta edición da Copa Galicia, que obtivo un rexistro de 19,33. Situouse por diante de José María de Paz (Mission), con 9,16, e Derik Rey , que foi terceiro con 8,06. En cuarto lugar finalizou Milo Castelo con 6,6.

O evento atraeu a multitude de curiosos que se achegaron para non perder detalle dunha competición que comezou á primeira hora e desenvolveuse ao longo de toda a mañá con Nigrán como escenario.