Malvela canta a «Ou benquerer»

Monica Torres
mónica torres MOS / LA VOZ

MOS

cedida

O grupo de Mos grava un novo disco que pon o contrapunto a Rosalía

30 dic 2021 . Actualizado ás 19:03 h.

Malvela pon o contrapunto ao malquerer da cantaora española Rosalía con Ou benquerer. Así se chama o novo disco que ultima o grupo de cantareiras de Mos amadrinado por Uxía Senlle e que está a ser gravado estes días no Centro Recreativo e Cultural de Torroso. «Elas botan man da nosa Rosalía para expresar os seus sentimentos máis fondos e das coplas populares adaptadas á súa realidade cotiá e ao seu entorno. É tamén un canto de amor á súa terra, ao Val da Louriña, orgullosas de ser de onde son, da súa orixe rural e de pregoalo ao mundo», avanza a produtora. O quinto traballado do fenómeno Malvela verá a luz na primavera, coincidindo co vinte aniversario do lanzamento do seu primeiro éxito discográfico, que foi Que ou pano non me namora.

As catorce mulleres de Sanguiñeda e O Porriño que integran a formación recibiron onte a visita da alcaldesa de Mos. «Son un auténtico exemplo de mulleres rurais empoderadas, artistas e profesionais dun sector, o musical, aínda con predominio masculino», destacou Nidia Arévalo.

O novo traballo de Malvela fíxose agardar porque a pandemia obrigou a parar os ensaios, pero abordan o novo disco «con moita ilusión e reunindo un repertorio maioritariamente autoral e que conta o que move a estas mozas de Mos». «Este traballo contén varias pezas que fan referencia explícita a Mos e ao seu entorno, lugares e parroquias e tamén sobre o Camiño Portugués de peregrinación a Santiago, e é tamén unha homenaxe á señora Carmen», indican os produtores. «As nacidas en Mos escriben sobre o que as inspira, sobre a forza da súa condición de mulleres, a lingua e a alegría dunha existencia en contacto coa natureza e co campo, a festa e a foliada», reivindican.

Malvela prepara, ademais, un festival que una as voces das mulleres do Camiño Portugués, «depositarias da nosa memoria colectiva, do noso patrimonio inmaterial». A idea, avanzan, é «xuntar as voces de aquí coas de mulleres chegadas de Portugal e doutros territorios do Camiño recreando o ambiente de foliada e de festa na catedral».