A alcaldesa de Mos reestrutura o seu goberno

MOS

cedida

Asigna ao novo edil, José Areal, as áreas de Deportes e Urbanismo e a Sara Carreiro, súmalle a de Participación Cidadá

11 abr 2021 . Actualizado ás 00:31 h.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, reestruturou o seu goberno a piques de chegar ao ecuador do mandato. No último pleno tomou posesión José Areal Giráldez, que asume a concellaría de Deportes, pero hai cambios noutros departamentos. Ademais da área Deportes, Arévalo aposta por José Areal para xestionar Urbanismo e asígnalle Patrimonio ao edil Leo Costas, que ata agora xa levaba as concellarías de Medio Ambiente, Mocidade, Emerxencias e Novas Tecnoloxías. «José Areal é un home que coñece moi ben o mundo do deporte porque foi presidente dun dos clubs máis importantes do noso municipio, a Unión Deportiva Mos, e foi tamén xogador da UD Mos e do Club Rubio Tameiga, polo que ten un amplo coñecemento do tecido asociativo deportivo mosense e estou segura de que ten un gran perfil para dirixir os departamentos municipais, tanto de Deportes como de Urbanismo”, declarou Arévalo.

A rexedora local mosense asigna a concellaría de Participación Cidadá a Sara Cebreiro, área que se suma ás súas competencias actuais nos departamentos de Política Social e Igualdade, Cultura e Turismo. A continuidade imponse nos casos dos outros cinco concelleiros do equipo de goberno local. A edil Julia Loureiro segue levando as concellarías de Promoción Económica, Desenvolvemento Empresarial e Emprego, Educación, Persoal e Réxime Interno, e Mobilidade. Alberto Méndez Lago, leva as concellarías de Facenda, Contratación, Transparencia e Bo Goberno. O tenente alcalde, Camilo Augusto, dirixe as concellarías de Desenvolvemento Urbano e Revalorización de Espazos Públicos, Vías e Obras, e Coordinación coas Asociacións Veciñais.

Baldomero Lorenzo encárgase de Servizos para a Mellora da Contorna Rural e Urbano e Parques e Xardíns e Gonzalo Alonso Táboas continúa coas concellarías de Iluminación e Eficiencia Enerxética e Recollida de Residuos.

Sobre os cambios realizados no goberno local a alcaldesa destacou que «son realizados pensando sempre en mellorar, en prestar mellores servizos á veciñanza e responder óptimamente ás súas demandas, necesidades e prioridades; pensando en seguir a construír o Mos das persoas, un territorio de oportunidades pondo a Mos e aos mosenses por amais de todo».