O can dos contraentes leva os aneis na primeira voda post-covid de Mos

Monica Torres
M.Torres MOS

MOS

cedida

O noivo recibiu á súa futura esposa tocando o birimbao e cantando a ritmo de Capoeira

21 jun 2020 . Actualizado ás 01:57 h.

O regreso á nova normalidade fai retomar moitas das actividades que quedaran interrompidas polo estado de alarma derivado da crise sanitaria do covid-19. Unha delas foron as cerimonias de casamento. En Mos celebrouse hoxe a primeira voda civil desde que se desatou a pandemia e fíxose a ritmo de Capoeira. A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, oficiou ás 12.00 horas no Pazo de Mos a ligazón de dous mozos practicantes desta disciplina, polo que o noivo recibiu á noiva tocando o birimbao e cantando unha cantiga de Capoeira.

Os contraentes son veciños de San Antoíño, parroquia de Louredo, e nados en Perú e Brasil, respectivamente. Estiveron acompañados das súas respectivos familias (respectando o máximo de convidados establecido por Lei para esta nova normalidade condicionada polo covid-19) e a súa mascota foi a encargada de levarlles as alianzas.

A rexedora local mosense, Nidia Arévalo, destacou que «o emocionante que é retomar unha actividade tan fermosa e emotiva como é o oficio das vodas civís, na que celebramos o amor entre dúas persoas e o amor da familia e dos amigos», e declarou sentirse «satisfeita de que aos poucos todo vaia volvendo á normalidade e no Concello poidamos REVISAR ir retomando actividades tan gratificantes como esta, que son de tanta relevancia na vida das persoas e fan tan feliz á veciñanza mosense».