Detido en Mos por roubar máis de 10.000 euros en materiais dun centro hípico

MOS

Garda Civil

A Garda Civil recuperou case todos os equipos, apeiros e ferramentas subtraídos

20 ene 2020 . Actualizado ás 16:48 h.

O roubo de máis de 10.000 euros en equipos e apeiros para a práctica equina acabou nun monte de Mos. Alí a Garda Civil conseguiu localizar e recuperar case todo o material sobre o que responsable dun centro hípico do municipio presentou a correspondente denuncia de desaparición hai unha semana. A localización e posterior devolución ao seu lexítimo dono das monturas, trincha e mantas foi posible grazas á investigación que levou aos axentes do posto de Mos a pór nome e apelidos ao presunto autor dos feitos. Trátase dun veciño da localidade, de 47 anos de idade, vello coñecido das forzas e corpos de seguridade do Estado xa que, segundo informa a Comandancia de Pontevedra, «posúe un amplo historial de antecedentes policiais». O arrestado quedou en liberdade con cargos coa obrigación de comparecer cando sexa requirido polo xulgado de instrución do Porriño, encargado do caso.