Empresas de Mos en chan rústico piden que se anule o Plan Xeral

l.c.ll. VIGO/ LA VOZ

MOS

Silvia Fuentes

Argumentan ante o Tribunal Superior de Xustiza que unha das naves leva en pé desde 1977 con permiso municipal

24 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Empresarios de Mos pediron ao Tribunal Superior de Xustiza que anule parte do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Mos aprobado en xaneiro do 2017. Trátase de donos de naves que se atopan preto de Puxeiros e que foran denunciadas por situarse en chan forestal. Argüen que unha das edificacións data do ano 1977 e ten licenza para almacén. Nestes momentos, os donos non poden cambiar o seu uso nin ampliar as instalacións porque se acha á marxe da cualificación de chan industrial. Os recorrentes din que na aprobación inicial do Plan Xeral deuse o visto e prace a un ámbito de chan urbanizable delimitado industrial, denominado SDI 10 O Cotiño, que logo se suprimiu na aprobación definitiva. Os empresarios consideran que a aprobación definitiva «non se axustou a dereito» e piden ao tribunal que a anule.

Na zona rústica atópanse polo menos tres grandes naves que levan alí moitos anos. Unha pertenceu a Unión Cervexeira que a construíu a finais dos anos 70 e obtivo licenza de construción no 1977 para 2.066 metros cadrados. No 2005 a Comunidade de Bens Miraflores arrendou a nave á compaña Logistic Packaging para ser destinada á actividade de loxística e almacenamento de bens mobles. Dita entidade conta con 33 postos de traballo directos e 40 indirectos. Outras dúas naves son Rube Produtos Ténicos S.L. e Mecanizados Hermida. Entre as tres empresas suman 17.528 metros cadrados e a edificable era de 12.720. Rube foi obxecto doutros litixios e recentemente houbo outra denuncia ao Concello de Mos.