Pillan en Mos a unha banda de «narcotrueque» que cambiaba droga por útiles de xardinería

E.V.Pita VIGO

MOS

Xoán Carlos Gil

Os toxicómanos pagaban a súa dose con obxectos roubados en casas do sur da provincia e norte de Portugal

23 feb 2019 . Actualizado ás 18:44 h.

Nin criptomonedas nin dólares. A súa divisa oficial era a ferramenta de xardinería usada. A operación Fronteira da Garda Civil desmantelou unha banda de narcotrueque en Sanguiñeda, en Mos, que inventou un sistema de troco para vender drogas aos toxicómanos a cambio de utillaje agrícola e de construción. Os drogodependentes pagaban as súas doses con ferramentas de xardinería, maquinaria de obras e computadores. Ademais, se querían, podían consumir a droga recentemente adquirida nun narcopiso. A Benemérita sospeita que estes obxectos foron roubados no sur da provincia de Pontevedra e as localidades fronteirizas do norte de Portugal e que a banda logo os revendía en tendas de segunda man para converter o botín en diñeiro en metálico. Isto último vano investigar para seguir o rastro do botín. Animan aos donos dos obxectos a que visiten o cuartel para recoñecer as súas pertenzas.

O capitán de Vigo, Miguel Ángel Martín Márquez, mostrou decenas de utensilios requisados que dan unha pista da gran dimensión que acadou a venda de drogas mediante o troco. Deduce que as ferramentas servía como unha moeda de cambio. Na operación Fronteira interviñeron axentes dos postos de Mos e O Porriño, o equipo de Policía Xudicial de Vigo e mesmo a policía fiscal, os cales rexistraron unha casa e dous garaxes. Tamén foi destacable a actuación do Servizo Cinológico que estivo cun can no rexistro. O can atopou co seu olfacto gran parte da droga escondida.

A Garda Civil detivo a cinco persoas, entre eles un matrimonio que residía na casa, o cal carece de antecedentes, e tres novos que estaban dentro de a vivenda e que podía ser clientes, polo que foron liberados pouco despois. O principal sospeitoso é o dono da casa, J.M.R.V., de 48 anos, e a súa esposa L.T.A., de 39. O fillo menor quedou a cargo de familiares. A parella pasou a disposición xudicial do Xulgado de Instrución número 1 do Porriño por un presunto delito continuado contra a saúde pública, tráfico de drogas e outros dous de receptación e tenencia ilícita de armas.

En outubro, uns patrulleiros detectaron unha trasfega continua de toxicómanos a unha casa da parroquia de Sanguiñeda. Houbo discretas vixilancias, identificaron a 15 compradores de cocaína, heroína e haxix. Outros non levaban nada, polo que os axentes deduciron que a casa non só era un punto negro de venda de drogas senón que tamén funcionaba como narcopiso onde os clientes consumían discretamente os estupefacientes.

O 20 de febreiro, a Garda Civil entrou na vivenda vixiada de Sanguiñeda e achou medio quilo de cocaína, 114 gramos de heroína, quilo e medio de marihuana e un centenar de pastillas de metadona. Tamén comisaron unha pistola real e armas simuladas (entre elloas a réplica dun fusil de francotirador) e 11.500 euros en billetes e moedas. En dous garaxes ocultaban e almacenaban os útiles de xardinería e construción roubados, así como videoconsolas, computadores e televisións, teléfonos móbiles e xoias.

O principal implicado intentou escapar e lanzou pola fiestra unha bolsa con cen gramos de heroína e unha pistola real e cargada.

O capitán de Vigo eloxiou a coordinación dos axentes das comarcas próximas. Anima a que os donos dos obxectos roubados acudan ao cuartel de Vigo a recoñecer as súas pertenzas. A Garda Civil cre que as detencións se axilizaron se os propietarios denunciasen os roubos.

Fusil de francotirador e cortadora de ósos

 Os garaxes da casa parecían un bazar chinés. Entre os obxectos roubados máis insólitos hai unha máquina de cortar peixe conxelado ou ósos. Tamén figuran unha trituradora de compostaxe, unha bomba de auga, unha batería electrónica de mil euros, varios computadores, unha caldeira, un cortacésped, cadeas de alta fidelidade, un telémetro, un subfusil simulado replica dun francotirador, pistolas falsas e coitelos de montaña, unha bomba de osíxeno, tres walkie-talkies, unha decena de taladradoras  e rebarbadoras, e mesmo unha tetera e unha bandexa de prata.