Bateis con acento galego

a voz VIGO

MOAÑA

Galicia suma 13 medallas, dúas delas de ouro, no Nacional disputado en Moaña

26 abr 2021 . Actualizado ás 18:32 h.

A colleita galega no Nacional de bateis dispárase. Nesta ocasión foise ata as 13 medallas na cita celebrada ao longo da fin de semana en Moaña. Na categoría absoluta, o teito dos anfitrións foron dous bronces, para Samertolameu en homes e para Chapela en mulleres, mentres que os títulos foron para Bueu no xuvenil masculino, para Mecos no cadete feminino e en infantís Rianxo en homes e Samertolameu en mulleres repartíronse os plenos. A maiores, outros catro clubs da comunidade subiron ao podio.

Ao festival galego só lle faltou a categoría absoluta para acadar a matrícula, pero a armada vasca volveu demostrar o seu nivel. No cadro masculino o triunfo foi para Itsasoko, que marcou un tempo de 08:56,22 que resultou inalcanzable para Zierbena, segunda por diante dos organizadores de Samertolameu, que entraron un minutos despois.

No apartado feminino, o dominio da categoría reina correspondeu a Deustuko, que lle gañou por un par de segundos a Estaleiro, entrando a continuación o barco de Chapela, que cedeu seis segundos con respecto á prata. Perillo quedou a un suspiro de entrar no podio. Foron cuartas por un puñado de centésimas.

En xuvenís, Bueu e Muros repartíronse a gloria no apartado masculino. O novo campión de España marcou un tempo de 09:28,40 e sacoulle seis segundos ao seu principal rival, mentres en mulleres Chapela quedou a tres segundos dun ouro que levou Orio. Rianxo entrou case á vez que Chapela, pero tivo que conformarse co bronce.

O cadete feminino tivo en Mecos ao seu campión nun apertado final coas vascas de Koxtap, entrando sete segundos despois as guardesas do Robaleira para facerse co terceiro posto do caixón do podio. En homes foi Chapela o único que se puido facer un lugar entre os potentes Orio e Deusto para acadar a prata.

A maior colleita da armada galega chegou en infantís ao sumar catro das seis medallas en xogo. Meira en mulleres e Rianxo en homes fixéronse co triunfo e Tirán e Ares, respectivamente, acadaron a terceira posición. No medio coáronselles A Repasada (en mozas) e Tolosandea.