Segunda rolda de cribados

La Voz VIGO / LA VOZ

MOAÑA

M.MORALEJO

2.500 cangueses e 1.500 moañeses están citados en Rodeira

21 feb 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Entre onte e hoxe desenvólvense probas de cribado do coronavirus no pavillón de Rodeira, en Cangas. Están convocados 2.500 cidadáns deste municipio e outros 1.500 de Moaña, que se poden saltar o peche perimetral do seu concello para acudir ao veciño a facerse a proba. En ambos os casos esta é a segunda vez que se fan cribados.

Tanto en Cangas como en Moaña se fixeron cribados no mes de decembro. O primeiro foi un dos que tivo a participación máis baixa de todos os cribados: o Sergas invitou a 3.000 persoas e só 1.661 decidiron someterse á PCR. Atopáronse dous casos.

O de Moaña foi diferente, porque foi a primeira vez que en Galicia se collía todo un concello e ofrecíanse probas diagnósticas a todos os seus habitantes maiores de 15 anos. Participaron 8.900 dos 12.100 citados e atopáronse cinco positivos.

Nesta ocasión, as probas son PCR convencionais. No pavillón hai dous equipos que toman mostras, que despois se enviarán ao Meixoeiro. Os cribados pretenden detectar a persoas que teñen o coronavirus pero que non o saben e, ao non ser conscientes, non toman precaucións especiais pero poden estar a infectar a outras na súa contorna. Se se detectan, pódense atallar posibles brotes.