De piso de alugueiro a plantación doméstica de marihuana en Moaña

MOAÑA

Garda Civil

O inquilino transformou as estancias do apartamento cun completo circuíto de ventilación, lámpadas de calor e aparellos de rega para asegurar a produción

05 ene 2020 . Actualizado ás 10:09 h.

Alugar unha vivenda sempre entraña riscos. Mesmo entre familiares e non sempre porque non se cumpran cos pagamentos periódicos establecidos ou non se manteña a propiedade en condicións. O piso dunha veciña de Moaña sufriu unha auténtica transformación tras alugarllo a unha sobriña. No apartamento vivía a moza co seu noivo pero, tras a ruptura da parella, ela foise e el puido campar ás súas anchas. Foi entón, apunta a investigación, cando se descubriu a customización do piso, que pasou de ser unha propiedade residencial cos espazos e servizos habituais a unha sucesión de estancias adaptadas ao cultivo doméstico ou baixo teito de marihuana. Esta modalidade, cuxo anglicismo é Indoor, parece estar en auxe xa que o de número plantacións desmanteladas incrementouse notablemente a tenor das actuacións confirmadas pola Garda Civil nos últimos meses. Resulta paradoxal a inxente cantidade de entradas que hai nas redes sobre esta práctica ilegal pero que, sin duda, axuda a facer fronte ao pagamento de calquera alugueiro. «Tempo de crecemento en interior, consellos básicos», «A rendibilidade da marihuana indoor» ou «as marabillas do micro cultivo», son os primeiros dos catro millóns de resultados que aparecen en canto se teclea a frase Cultivo Indoor en Google. Son páxinas realmente didácticas e pedagóxicas que explican todos os trucos e pormenores para rendibilizar ao máximo posible o uso de armarios ou cuartos baleiros co único gasto a maiores do da electricidade. Mesmo se suma o atractivo de que facelo baixo teito e non en galpóns e terrazas, evita que a colleita estea a expensas dunha climatoloxía cada vez máis cambiante. É o que fixo o ex noivo da nova, que abandonara o domicilio tres meses antes de que a propietaria, acompañada pola Garda Civil accedese fai uns días ao seu piso. «Púidose comprobar como diversas estancias do inmoble estaban perfectamente acondicionadas para o cultivo, nas súas diferentes fases de crecemento». «Incautáronse máis de 25 plantas de diversos tamaños, dúas básculas de precisión, diversos abonos e fertilizantes e diversas publicacións relativas ao cultivo de marihuana», informa a Comandancia da Garda Civil de Pontevedra. No piso había ademais «todo un circuíto de ventilación con lámpadas de calor, ventiladores, aparellos para a rega, unha vintena de botes de cristal con restos de marihuana e dúas caixas de cogomelos». O inquilino, un veciño de Moaña de 41 anos de idade e con antecedentes policialesl foi detido por un delito contra a saúde pública na súa modalidade de cultivo e elaboración de drogas. Quedou en liberdade con cargos