O mazarico amorea alimento para unha viaxe de 5.000 quilómetros

Antón lois AMIGOS DÁ TERRA VIGO\TERRA.ORG

MOAÑA

XOAN CARLOS GIL

A ocupación de praias na primavera supón a expulsión das aves migratorias que necesitan tranquilidade

23 abr 2018 . Actualizado ás 13:19 h.

Tras meses de choiva e ceo gris sae o sol e sobe a temperatura. É o sinal agardado. A praia chámanos e, obedientes, acudimos á chamada en multitude. Semellante concentración humana ten efectos colaterais e aínda que debería haber sitio para todos, en realidade, a nosa chegada leva implícita a expulsión de quen estaban alí antes. O protagonista que nos serve de exemplo é un mazarico chiador (Numenius phaeopus, para os entendidos) que se atopaba esta semana mariscando por Moaña .

Trátase dunha ave limícola, que como o seu nome indica busca o seu alimento entre o limo do litoral. A súa característica máis distintiva, ese longo pico curvado, é un prodixio de adaptación ao medio, unha ferramenta minuciosamente deseñada para capturar bichitos e plantas da zona intermareal. O problema é que os nosos curmáns necesitan estes días facer provisión de alimento porque en breve se van a pegar unha viaxe de 5.000 quilómetros cara ao norte para regresar aos seus cuarteis estivais nos que crían, pero este proceso necesita tranquilidade e xustamente iso é o que non teñen actualmente.

Os nosos mazaricos chiadores contaban cunha vantaxe temporal: a tempada de verán, coa súa correspondente invasión das súas zonas de refuxio, cría e no caso do noso amigo de alimentación antes de volver a Islandia empezaba, cunha marxe moi axustada, cando remataba o seu ciclo vital máis vulnerable. Tristemente, cambio climático mediante, iso rematouse. A afluencia masiva ás praias xa se produce antes do inicio da súa época de cría. Sumemos a iso a destrución dos seus hábitats e non resulta complicado chegar á explicación do motivo polo que estes bichitos están na listaxe das especies ameazadas.

Talvez poderiamos expornos protexer algunhas praias importantes para as aves (tanto migratorias como residentes) e facelo polo menos neste período primaveral, pero nin sequera somos capaces de facelo, coa honrosa excepción de Sálvora, no teoricamente máis protexido dos nosos espazos naturais como é o Parque Nacional das Illas Atlánticas. Imaxínanse a praia de Rodas e Figueiras en Cíes declaradas zona de reserva integral? Deberían selo pero non se preocupen, nin á Xunta nin á dirección do parque nacional ocorreráselles facer semellante cousa aínda que o obxectivo fundamental desa figura administrativa sexa conservar a natureza.

Polo tanto, podemos imaxinar o que sucede no resto de praias que carecen de protección nin sequera sobre o papel. É tan meritorio como insuficiente instalar, polo menos, uns postes con arames que delimiten o que queda de vexetación dunar para intentar impedir o piso desas zonas extremadamente fráxiles e o último refuxio das aves limícolas. Que ditas barreiras sexan sistematicamente ignoradas polas persoas é lamentablemente frecuente. E non digamos os cans soltos espantando ás aves ante o xúbilo dos seus donos vendo como «xoga o cachorro» perseguindo aos paxaros. Para esas aves que están ao límite da súa supervivencia, estimados propietarios de cans (e o asinante ten can) non é ningún xogo: é un superpredador solto intentando cazalas. Para os nosos mazaricos e as súas primas aves litorais é unha cuestión de vida ou morte.

Polo menos podemos pór algo da nosa parte con sinxelos consellos. Procuremos non molestar ás aves que vexamos no litoral. Procuremos desviar un pouco os nosos paseos mantendo unha distancia prudencial para que non se sintan ameazadas. Controlemos ao máximo ás nosas mascotas, procuremos non pisar nunca as zonas con vexetación próximas ao mar, especialmente as dunas. Sobre todo, pensemos que as nosas amigas limícolas e acuáticas soamente necesitan uns días máis de tranquilidade, algunhas para iniciar a súa migración e outras para completar a súa cría. Se conseguimos unha coexistencia amable estes días estaremos, literalmente, salvando moitas vidas. Lembren que nós temos moitas opcións de lecer pero elas non poden vivir en ningún outro lugar.