Vándalos afean con pintadas todo o centro de Gondomar

M. T. GONDOMAR / LA VOZ

GONDOMAR

cedida

O problema vai camiño de converterse nun mal endémico na área

05 ago 2021 . Actualizado ás 00:31 h.

O problema das pintadas vai camiño de converterse nun mal endémico en varios concellos da área de Vigo. Gondomar sófreo agora en maior medida e, coa intención de acabar cos actos que están a afear e danando o mobiliario urbano, tanto público como privado, o alcalde Francisco Ferreira solicita a colaboración cidadá. «Pido colaboración cidadá para frear o recente vandalismo sobre o patrimonio municipal dos últimos días. Entre todos podemos», defende o rexedor visibilizando a través das redes sociais os resultados destes actos.

Os autores das pintadas actúan por todo o centro urbano. Hai todo tipo de debuxos con espray en fachadas de eficios, como os do Centro de Desenvolvemento Local, en pleno centro da vila de Gondomar, en parques, xardíns e ata en colectores. A maior parte deles fixéronse nos últimos días e só mediante a sensibilización pódese atallar un problema que afecta a todos. Non só polo negativo impacto na imaxe do municipio, senón porque a limpeza de todas estas pintadas ha de correr a conta das arcas municipais.

A situación hase agravado, do mesmo xeito que pasou en municipios como Redondela, onde os vándalos deixaron as súas pintadas ata no antigo apeadeiro da estación de tren. Calquera veciño que teña algunha información respecto diso poida facilitala para intentar erradicar estas prácticas.