Rodrigo Corrales : «Cando che toca saír, queres demostrar que estás preparado»

X.R.C. VIGO

CANGAS

dddd.ddd
ddd IHF

Inédito nos cuartos e na semifinal, o porteiro cangués foi clave para o bronce dos Hispanos

01 ene 2023 . Actualizado ás 08:12 h.

Rodrigo Corrales Rodal (Cangas, 1991) sumou a súa quinta medalla en grandes torneos internacionais coa selección española de balonmán . Nesta ocasión, foi o bronce do Mundial de Suecia e Polonia, e fíxoo sendo actor fundamental no partido polo terceiro posto ante os suecos. Rodrigo, que non tivera minutos nin en cuartos nin en semifinais, saíu tras o descanso e, ante 22.000 suecos e coas súas paradas, os Hispanos pasaron de perder por catro a gañar o partido e a subirse ao podio mundial unha vez máis.

—A este paso, non lle vai a chegar unha vitrina para colocar todas as medallas.

—Oxalá sexa así e teña que ampliar. Son cousas que nin che imaxinas de pequeno e agora estalo vivindo, por iso gozo moito dos momentos, aínda que teña máis ou menos protagonismo a nivel individual.

—Como se sente sendo peza crave no partido definitivo?

—Moi contento por finalizar o campionato logrando unha medalla máis. Foi un torneo longo e duro, pero unha vez, máis o equipo foi moi regular e fiable durante os nove partidos. A nivel persoal, acabar xogando e tendo unha actuación destacada nun partido así sempre é algo que che enche de orgullo.

—Intuía que podía chegar o seu momento no partido polo terceiro posto tal e como ía?

—Cando hai un partido, eu sempre estou preparado para saír en calquera momento; despois, non é decisión miña. Eu dediqueime a concentrarme e a analizar o que estaban a facer e por onde estaban tirando os suecos por se me tocaba saír. Cando as competicións son tan curtas e o premio, tan grande, sempre debes preparar as cousas, tanto física como mental, facer vídeo e estar tranquilo. Debes preparar todo igual coma se foses xogar, porque se chega o momento, tes que estar preparado.

—Era clave, sobre todo, parar as contras a Suecia?

—Ao principio da segunda metade fixéronnos algúns tiros de seis metros. Eles seguiron correndo e tirando. Creo que controlamos ben o ritmo desde o momento que nos puxemos un arriba. Parámoslles un pouco máis o contragol e iso axudounos. Nos últimos minutos, soubemos aguantar as vantaxes e xogamos máis cómodos nós que eles.

—Non xogou nin en cuartos nin en semis, necesita un referendo?

—Este é un deporte colectivo. O obxectivo é gañar a medalla e cando o facemos, facémolo todos. Dentro diso, sen dúbida que a un lle gusta no momento que lle toque saír demostrar que está preparado, facelo ben e axudar ao teu equipo. Iso faiche sentir ben, pero sempre digo que o importante para gañar as medallas é estar, e estar nunha selección campioa ás veces ten isto, que tes a un compañeiro que xoga máis que ti e xusto na portería non podemos xogar os dous ao mesmo tempo.

—Pero hai que ser forte mentalmente para estar preparado.

—Estabamos catro abaixo e o único que quería era axudar para gañar, non me deu tempo a pensar noutra cousa. É evidente que se xogas mal igual pódenche dicir que por iso non xogaches antes, pero a min o único que se me pasou pola cabeza foi a remontada.

—Despois do partido comentou que xa non lle podía pedir nada máis á vida.

—Porque estou nos sitios que quero estar e teño os privilexios de estar nunha selección que é un grupo extraordinario, un grupo de amigos que sempre compite e gaña moitas cousas. Cando ocorre todo, iso é algo incrible, por iso digo que pouco máis se lle pode pedir á vida a nivel deportivo.

«Pode haber cambios, pero ser unha selección competitiva é o primeiro paso para poder gañar»

Competir en todas as frontes. Esa é a fórmula máxica dos Hispanos, segundo Rodrigo Corrales , para levar cinco semifinais consecutivas nos tres principais campionatos de seleccións.

—Como se explica que pasen os anos e non baixen do podio nas grandes competicións?

—É unha recompensa ao traballo ben feito. Pódese falar de regularidade, de compromiso, de carácter. Hai moitos adxectivos para definir este éxito, porque aquí pode haber cambio de xogadores, ou outras cousas, pero sempre sae unha selección competitiva e ese é o primeiro paso para poder gañar. Nós sempre pensamos que lle podemos gañar a calquera e calquera partido do campionato. No Mundial rematamos todos os partidos con esa sensación e a verdade é que nos imos moi satisfeitos. Creo que levamos cinco semifinais seguidas, algo que non é nada doado, pero que nos enche de orgullo.

—Foi un dos campionatos máis disputados de todos?

—Si, pero non só para nós, senón para todos. O balonmán está a crecer moito e había moitos candidatos a quedar entre os oito primeiros. Mesmo había equipos como Islandia ou Serbia que prometían moito e quedaron fóra. Había moito nivel e creo que estivo moi igualado con resultados ajustadísimos en moitos partidos.

—Tiveron a tiro dun sete metros ao ogro danés, ao cabo tricampión mundial.

—O día de Noruega , dalgún xeito, nós liquidamos a situación cando a eles lles pitan pasivo e Dani marca cando o tiñamos todo perdido, pero o día de Dinamarca non se deu. Cando xogas contra os mellores, trátase de competir e ter a sensación de que puideches facelo ata o final.

—As súas remontadas falan moito do seu carácter.

—O carácter lévanos a manter o ritmo e o nivel durante os 60 minutos, nunca perdemos a concentración, non somos un equipo que lle ofreza aos rivais grandes parciais..

—Que lle agarda agora tanto no club como na selección?

—Volve a competición internacional de clubs, e o primeiro obxectivo é gañar o máximo co Veszprém. Coa selección preséntase un 2024 apaixonante.