A formación Avante retírase tras declararse farta dos «dinosauros» que viven da política en Cangas

La Voz CANGAS

CANGAS

Óscar Vázquez

Conta con tres edís na corporación municipal e non se presentará ás próximas eleccións de maio

30 ene 2023 . Actualizado ás 19:58 h.

A candidatura veciñal Avante, que ten tres concelleiros na oposición, decidiu non presentarse ás próximas eleccións municipais en Cangas. A decisión adoptouse despois dunha reunión celebrada leste mesma fin de semana e tras a análise dun panorama municipal que, denuncian, resulta «decepcionante e desesperante». A formación dos edís Ánxela Vizoso, Tomás Hermelo e Laura Verde declárase farta e martirizada polas «esgotadoras discusións cos dinosauros da política canguesa» que non conseguen «ver que o mundo xa cambiou», referíndose, aínda que sen nomealos, a Mariano Abalo (ACE) ou a José Enrique Sotelo (PP).

«Devolvemos aos veciños a responsabilidade de xubilalos e premiar nas urnas as apostas pola renovación», advirte a formación nun comunicado que evidencia un final de etapa, pero non unha despedida.

«Esta decisión non supón o final de Avante. Marcamos un punto e á parte, nos oxigenaremos, seguiremos traballando no político e volvemos, con máis tempo e ánimos ao movemento social e veciñal», manifesta a Candidatura Veciñal de Cangas .

Sobre o «decepcionante e desesperante» panorama político, desagregan unha pormenorizada análise. «A hiperfragmentación, a falta de renovación doutros actores e a descomposición da acentuada política municipal en Cangas xera unha parálise que impide un labor construtivo e produtivo, nin no goberno, nin fiscalizando as súas accións na oposición». «É urxente unha renovación de caras e de liderados que limpen e superen, a loita de egos e de incapacidades de xestión que padecemos», defende a candidatura.

A formación sostén que non se queren converter «no que sempre criticamos». «Non vivimos da política nin necesitamos unha cota de poder para dar sentido á nosa existencia ou para transcender», sinalan, á vez que lembran que non dependen de ningún partido político. «Non queremos estar por estar nin contribuír á fragmentación do voto non reaccionario que facilite a vitoria da dereita e ultradereita», advirten.