A crise de subministracións atrasa a obra da estación de Cangas

Monica Torres
mónica torres CANGAS / LA VOZ

CANGAS

cedida

Máis de 70.000 persoas utilizan cada ano a terminal de buses

17 ago 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

A crise de subministracións está atrasando a reforma da estación intermodal de Cangas do Morrazo, promovida pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade cun investimento de 400.000 euros. O departamento de Ethel Vázquez avanzou onte a La Voz que prevén acabar as obras a finais de agosto, cun mes de atraso, «debido á folga de transporte de marzo e á dificultade na fabricación e subministración de paneis HPL brancos para a formación das cubertas exteriores». A día de hoxe, os traballos «están moi avanzados, executados nun 65 %».

Infraestruturas indica que a obra «avanzou notablemente» nos últimos meses. Colocáronse os vidros que pechan o recinto cara ao porto, así como a parte máis importante da sinalización. Ademais, executáronse os traballos de urbanización correspondentes á modificación do illote de entrada e o acceso á estación. Esta semana, avanzan as mesmas fontes, instalaranse as barreiras automáticas do recinto e xa se iniciaron as tarefas de pintura, probas de instalacións, remates e acabados no interior.

O obxectivo desta actuación é potenciar o carácter intermodal da estación de autobuses aproveitando a súa situación fronte á marítima, mellorando a funcionalidade, incrementando as condicións de seguridade na contorna, facilitando a accesibilidade e apostando pola eficiencia enerxética. Preténdese executar unha gran área de transporte público conformada pola estación de autobuses, pola que pasan cada ano case 77.000 viaxeiros e que acolle preto de 40.000 expedicións, e a marítima, que no 2021 deu servizo a uns 700.000 usuarios.

É unha actuación integral que contempla a impermeabilización da cuberta, a redistribución dos espazos, a renovación de toda a pintura interior e exterior así como a mellora da iluminación led e a colocación de sistemas de climatización e ventilación. Para as dársenas apostouse por un tratamento anticorrosivo nas cubertas e, na zona de espera, instalaranse bancos para os viaxeiros. Ademais habilitaranse dúas prazas de kiss & ride, anglicismo que se refire á zona reservada para a baixada de viaxeiros que chegan en coches particulares e na que se pode parar pero non estacionar. A explotación por 5 anos xa foi adxudicada nun procedemento conxunto con outras estacións.