Bernardino Graña, inmenso como ou mar de Cangas

CANGAS

Pilar Canicoba

A poesía foi «o gran misterio do mundo» para este soñador, un capitán do mar da palabra que vén de recibir o Premio da Cultura Galega

19 novs 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Bernardino Graña quería ser capitán de barco e foino de palabras. Naceu en 1932 nunha casiña a rentes do mar de Cangas, alí Dinito, como chamaban o cativo, xogaba descalzo nas praias de Santa Marta e de Liméns. Nunca deixou de asombralo a inmensidade do mar, como nunca deixou de sentir a emoción de nadar. O tío Emilio levábao a pescar, foi el quen lle deixou a encarga de defender sempre os mariñeiros de baixura, por iso militou na causa do pobo, da xente traballadora, aquela que coñeceu na tenda-tasca que rexentaban a tía-madriña e a avoa en Darbo.

Seu pai estaba de mestre en Ribadavia, pero cando se produce a sublevación fascista quítanlle a escola e é perseguido. En Vigo cursa o bacharelato, no Instituto Santa Irene, para chegar dende Darbo erguíase ás sete da mañá, atravesando camiños e congostras, a coller o barco de madeira que cruzaba a ría. Na casa dos padriños estudaba con luz de carburo, naquela Galicia triste e escura de posguerra. Gustaba especialmente da literatura, pois Bernardino sempre foi un soñador, un construtor de mundos aos que se evadir. As matemáticas atragoábanselle e na academia coñece a unha persoa de Tui que o pon en contacto con Faustino Rei Romero, que lle abre as portas da revista Alba cando só contaba con dezaoito anos. Entra en contacto con Ramón González-Alegre, Celso Emilio Ferreiro, os irmáns Álvarez Blázquez ou Cunqueiro e comeza a enviar poemas a esta e a outras publicacións. Pouco a pouco nace o escritor e dende entón ata hoxe non deixou de navegar con destreza en todos os xéneros literarios.

Non é de estrañar que cando recala en Compostela, para cursar Filosofía e Letras, se fixese co primeiro premio das Festas Minervais cunha triloxía de poemas. O Bernardino inconformista deixará a universidade só un ano despois por un desencontro co profesor de grego. En Salamanca continuará os estudos e alí ten profesores fantásticos. Con algún ían os sábados pescar sereas polos monumentos da cidade, facían versos, organizaban recitais... Mais tampouco alí tivo acougo e finalizou a carreira en Madrid, onde trabou fonda amizade cos seus compañeiros do grupo Brais Pinto. Non só asistían ás clases, tamén dinamizaron o Centro Galego da rúa San Quintín, compartiron soños no café Los Mariscos, publicaron libros, conseguiron subscritores, prepararon homenaxes e aínda había tempo para ir de troula, ver moito cine ou asistir a concertos de música clásica.

No seu primeiro poemario estaba aínda moi influído polo existencialismo, pero o certo é que axiña buscou a claridade, a abertura, a aposta por unha poesía sonora, incluso moi musical. Este pesimismo que vemos en Poema do home que quixo vivir (1958) desaparece en Profecía do mar (1966), onde achamos versos vitalistas inzados de vocabulario mariñeiro, que é unha das constantes da súa obra.

Se o mar está presente na súa obra poética, non o está menos o amor que vive con intensidade e o leva a escribir versos inesquecibles, especialmente en Se ou noso amor e vos peixes (Sar arriba andasen) (1980), unha obra mestra da literatura amorosa, especialmente a primeira parte que ten a pulsión do amor e o desamor, que queda gravado en nós no verso «como hei vivir mañá sen a luz túa?». A súa poesía transita sobre todas as preocupacións humanas e nela tamén hai moita denuncia: a destrución causada polo Prestige, as violacións, a fame, os salarios baixos, as guerras... Nunca deixou de escribir poesía, porque como ben manifestou «é o gran misterio do mundo, cando te colle a poesía hai que terlle medo, é outra orde».

Mais tamén destacou como escritor de teatro, aínda recentemente publicou as pezas Lobísimo do saco. Tres titiritadas (2019), unha paixón que vén de moi atrás, pois xa en 1962 dera ao prelo Vinte mil pesos crime, que ten como punto de partida un conto do Decamerón. O seu teatro é para adultos e para a infancia, á que se achegou con moitos títulos, e quen non recorda o personaxe de Xan Guindán na súa propia voz. Incluso se atreveu coa novela, onde parte da tradición cristiá e escribe a súa interpretación narrativa da vida de Xesucristo en Protoevanxeo do neto de Herodes ou A fuga a Exipto.

En 2019, o día do seu aniversario, ceamos en Vigo. Só pediu degustar un bo peixe fresco, que saboreou con calma apartando cada espiña con reverencia, tamén un anaquiño de doce, porque o menú da residencia de Panxón é máis modesto, aínda que goza de vistas ao mar. Alí recibiu estes días Bernardino a nova da concesión do Premio da Cultura Galega, alí segue a bolinar entre as visitas dos amigos e os recoñecementos. Xa non pode recitar coa mestría que o facía, pero segue a pescar palabras e historias co seu ganapán de escritor, e a súa obra medra inmensa e profunda como o mar de Cangas.