Intentan salvar a vida dunha nena que se caeu a unha piscina en Cangas

La Voz VIGO

CANGAS

Un equipo médico desprazouse en helicóptero ao domicilio particular

22 jul 2021 . Actualizado ás 00:08 h.

Os médicos intentan salvar a vida dunha nena de tres anos que se caeu dentro dunha piscina en Cangas  este mércores pola tarde. Dúas ambulancias e un helicóptero desprazáronse sobre as oito da tarde ao lugar da Pedreira, moi preto de Moaña . Os feitos ocorreron no domicilio dos avós da pequena, que só ten tres anos. Os seus pais tamén se atopaban no recinto.

Unha das ambulancias medicalizadas levou á nena rumbo ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo para ingresala na uci pediátrica. A nena caer fortuitamente na piscina e, cando se deu conta, a súa avoa sacouna da auga e berrou para pedir axuda, segundo fontes veciñais. Os primeiros auxilios chegaron da propia familia e, segundo fontes que presenciaron o rescate, un axente da Policía Local de Cangas practicou a reanimación cardiopulmonar para salvarlle a vida. Tamén colaborou unha sanitaria que non se atopaba de servizo. Recuperouse o suficiente á nena como para trasladala con vida ao Cunqueiro.

No centro sanitario, os médicos tratan de mantela con vida. Pero o seu estado é moi delicado despois de ter permanecido un tempo indeterminado baixo a auga, sen respiración.

Sen ambulancia

Ao lugar dos feitos acudiron membros da Policía Local, Urxencias de Cangas, sanitarios do PAC, 061 e axentes da Garda Civil. Montouse un enorme dispositivo nunha zona rural, pequena e con mala circulación no municipio. A única ambulancia que ten base en Cangas non se atopaba no concello, senón que estaba no hospital de Pontevedra despois de ter atendido unha urxencia en Bueu que requiriu ir ao centro sanitario. A de Moaña tampouco estaba dispoñible no momento no que fixo falta. Tivo que desprazarse un vehículo de urxencias desde Vigo.