Cangas incrementa a seguridade nos pasos de peóns

La Voz CANGAS / LA VOZ

CANGAS

M.Moralejo

A avenida de Ourense contará con bolardos para evitar máis accidentes

02 dic 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A beirarrúa da avenida de Ourense, á altura do paso peonil onde se rexistrou hai uns días un atropelo e que acumulou máis accidentes nos últimos meses, contará con bolardos de aceiro inoxidable para asegurar o paso. O obxectivo desta intervención é mellorar a seguridade viaria na zona e evitar novos incidentes. O departamento de Tráfico e Movilidade de Cangas xa conta co permiso da Xunta de Galicia, titular da vía, despois de ser remitido o plano ao servizo de Estradas de Pontevedra o pasado mes de outubro.

O departamento de Sinalización do Concello iniciou onte os traballos e está previsto, á vez, que se habilite unha zona específica de carga e descarga para impedir que camións e furgonetas invadan a beirarrúa e que provoca dificultades tanto na circulación peonil como tamén na visibilidade da contorna do paso.

Aproveitado que a Dirección Xeral de Tráfico vai reducir os límites de velocidade en zonas urbanas, a área de Mobilidade de Cangas pretende sinalizar e reducir a 30 quilómetros por hora os límites de velocidade nas contornas de todos os pasos peonís de Cangas, Aldán, O Hío e Darbo. Prevese tamén incluír bandas de sinalización 25 metros antes dos pasos dunha forma similar á que se empregou no tramo da avenida de Castroviejo.