O festival internacional de Cangas pecha con mostras de jazz polaco, suízo e cubano

La Voz

CANGAS

AXENDA | O evento pechará cunha festa protagonizada por Miss C-Line no Chiringo de Massó

21 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A última xornada deste Canjazz brillará cun elenco de artistas internacionais. A banda polaca liderada polo guitarrista Szymon Mika, con Piotr Poludniak no contrabaixo e ?ucasz na batería, encargar de clausurar o escenario do Eirado do Costal.

Symon Mika é un dos guitarristas con máis talento da nova escena musical polaca. Recoñecido polo seu son e gran técnica, grandes personalidades do jazz, como Peter Bernsteien, demostraron a súa admiración polo seu talento musical. Tras graduarse na escola de Katowice, continuou a súa formación no prestixioso Jazz Campus de Basel onde actuou con músicos como Avishai Cohen, Kurt Rosenwinkel, Dave Holland, Mark Turner ou Joshua Redman. Como compositor publicou varios traballos discográficos, entre eles dous co seu trío, Unseen e Togetherness.

Szymon Mika caracterízase por ter un estilo interpretativo vibrante, sempre con gran atención ao detalle e un gran dominio de todos os rexistros combinados con destreza e un fraseo musical de impecable son.

A xornada comezará coa actuación do saxofonista cubano Maikel Vistel, na Taberna Cambika ás 13.00 horas, que estará acompañado polo francés Wilfried Wilde, na guitarra, Alexandre Touceda, no contrabaixo, e Chus Pazos, na batería.

Vistel reside en Madrid e é un dos artistas máis destacados da actual escena da capital. O saxofonista fascina ao público cun son contemporáneo e directo de jazz de vangarda.

Esta noite, no canto da habitual jam session haberá unha festa de celebración do corenta aniversario do nacemento do Canjazz no Chiringo de Massó, a partir das 0.00 horas. A encargada de pór a banda sonora a esta última cita será a banda liderada pola cantante suíza Miss C-Line, que combina hip-hop, jazz, soul e funk.