Coruxo acaba terceira en Cangas e supera a Cesantes

La Voz VIGO

CANGAS

Óscar Vázquez

Remo | Liga B A Cabana vence a cuarta proba da Liga e mantén a súa vantaxe na xeral sobre A Esteirana, segunda

21 jul 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A traiñeira de Coruxo conseguiu a terceira praza na regata de Liga Galega B celebrada onte en Cangas, o que lle permite acceder a esa mesma posición na xeral desbancando a Cesantes, que rematou cuarta. A vitoria foi para A Cabana seguida da Esteirana, polo que manteñen esas mesmas prazas na xeral separadas por un punto. Chapela foi sexta e Vila de Cangas novena nunha regata con dez equipos participantes.

Na quenda das catro primeiras clasificadas houbo dúas loitas. A máis intensa e igualada foi a que mantiveron A Esteirana e A Cabana, ata o punto de que marcaron os mesmos tempos tanto ao paso pola primeira ciaboga (4.31) como no momento de realizar a segunda viraxe (9.46). O triunfo decidiuse no último longo e os dous equipos estiveron separados unicamente por dous segundos.

En canto a Coruxo e Cesantes, os vigueses comezaron a distanciarse moi pronto e foron ampliando a súa vantaxe ao longo da proba ata superar con comodidade ao seu rival. Finalmente sacaron 22 segundos á súa perseguidora. Os catro primeiros desa quenda fórono da proba.

Chapela, pola súa banda, impúxose na súa quenda, na que competía con Mugardos e Vila de Cangas, e o seu tempo serviulle para ser sexto na regata. Os cangueses aguantaron o ritmo aos redondelanos ata pasado o ecuador da proba e ao paso pola segunda ciaboga só lles separaba un segundo. A diferenza final entre ambos, con todo, foise ata os 16 segundos á conclusión da regata.