«Teño ganas de seguir no Cangas, a miña prioridade é continuar»

m. v. f. VIGO / LA VOZ

CANGAS

M.MORALEJO

O técnico do equipo, feliz por conseguir a permanencia en Asobal, mostra a súa disposición a seguir

22 may 2019 . Actualizado ás 08:27 h.

O técnico do Cangas, Magí Serra, comenta coa salvación na man que o feito de que o equipo teña conseguido certificar a súa presenza en Asobal a próxima tempada foi froito do traballo ben feito e do esforzo de todos cantos forman o persoal. Feliz coa tempada e media que leva dirixindo ao equipo, proclama que lle gustaría continuar á fronte o próximo curso.

-Como viviu a consecución da permanencia sendo nun derbi contra o Teucro?

-Foi especial non só porque os derbis sempre o son, senón polo que estaba en xogo. Era o meu terceiro derbi, o primeiro no Gatañal, e pareceume incrible o que puidemos vivir a nivel de ambiente. Foi moi emocionante sentir dese xeito o apoio da afección e poder conseguir o obxectivo. A presión era para eles e agardabamos un partido igualado que ía ter os seus momentos mellores e peores e iamos ter que saber estar. Tivemos ese momento en que eles se foron de tres, pero puidemos refacernos.

-Viu perigar o partido?

-Non, en ningún momento vímolo perdido, senón a xente houbésese deixado ir. Si que tivemos que facer unha parada co tempo morto e reestruturar algunhas cousas, pero o equipo deu un paso á fronte e conseguimos sacalo.

-Que balance fai da tempada no seu conxunto?

-Cheguei o ano pasado nun momento complicado e creo que conseguimos obrar un milagre. Esta tempada xa sabiamos a priori que tamén ía ser dura, pero creo que puidemos facer un bo traballo e froito del logrouse a salvación antes de chegar ao último partido da tempada. Foi un ano máis tranquilo, sen tanto sufrimento como no anterior, porque as situacións tamén eran distintas.

-Cales cre que foron os momentos craves da tempada para ter acabado conseguindo a salvación?

-A clave estivo nos duelos directos nos que sabes que non só che estás xogando os puntos, senón que a gol average pode ser importantísimo. Foi vital gañar os dous partidos ao Alcobendas e ao Teucro e tamén fixemos outros bos partidos ante equipos como o Bidasoa, con vitoria e empate no seu campo. Despregamos un nivel altísimo, como contra Ademar ou Granollers. Foi unha tempada de moi bo balonmán que ao final tivo recompensa.

-Que xogadores foron máis determinantes para poder conseguilo?

-Non podo destacar a ninguén. Si é certo que o porteiro Javi Díaz estivo moi regular e deunos moitísimo, pero neste equipo non hai un xogador que sexa un referente, senón que hai un traballo colectivo. Todos achegaron e defenderon cando tiñan que facelo, todos puxeron o seu granito de area e iso é o que realmente deu resultado. Tivemos lesións e cando por ese motivo había xogadores aos que lles tocaba dar o paso, fixérono. Creo que se viu un Cangas ao comezo da tempada e outro nestas últimas semanas, cun crecemento moi importante.

-Gustaríalle seguir dirixindo ao equipo a próxima tempada para tratar de continuar con ese crecemento?

-Sin duda, eu teño ganas de seguir, o que pasa é que temos que sentarnos co club, falar, que eu valore outras posibilidades que teña... Pero a miña prioridade é seguir aquí.

-Que necesita por parte do club para que chegue ese acordo?

-Que as cousas sigan como ata agora, con esta afección motivada e que me siga transmitindo esa motivación elevada a min. Creo que o club pode crecer un pouco máis. Polo demais, non teño problemas con nada, sérveme que as cousas sexan como ata agora.

-Cal é o seu balance deste tempo no Cangas?

-Moi positivo, creo que se demostrou que o equipo ten que estar en Asobal e aquí estou moi contento. Foi fundamental o apoio da miña familia, sobre todo da miña muller, Natalia, que se desprazaron comigo.