Aldeas Infantiles instálase en Redondela e O Porriño cultiva tabaco

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

CANGAS

XOAN CARLOS GIL

En Cangas, o marisco deixa de venderse a domicilio xa que se obriga a que pase pola lonxa

19 feb 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

La Voz de Galicia seguiu con atención durante todo o ano 1971 a xestación da sede de Aldeas Infantiles en Redondela . No mes de maio, a corporación local acordaba ceder gratuitamente 50.000 metros cadrados á organización de protección á infancia na Miñoteira, na parroquia de Ventosela. A condición posta polo Concello de Redondela era que o prazo de construción do centro non podía exceder de cinco anos, mentres que a súa finalidade debía manterse os trinta seguintes anos. O 9 de decembro asinábase a escritura de doazón e o 22 dese mesmo mes o cine Vigo acollía unha función a favor da organización. Non foi a única gran novidade vivida ese ano no termo municipal de Redondela. En maio, o ministro de Obras Públicas inauguraba a nova estación de ferrocarril.

Alén da ría, Moaña celebraba ter superado os quince mil habitantes. Con tal motivo, La Voz dedícalle un espazo para analizar a súa economía. Conta o xornal que había entón duascentas bateas, fábricas de conserva, estaleiros e empresas de construción. E que era unha zona rica en viños, gandería e produtos do campo. Ao mesmo tempo, no cume do monte Xaxán concluían as obras do centro emisor de Televisión Española.

Mentres, na veciña Cangas modificábanse os tradicionais usos de venda de marisco a domicilio. Desde outubro daquel ano, todo o marisco debería pasar polo control establecido na Marquesiña, no peirao de Massó. A venda faríase directamente en lonxa. A confraría de pescadores recibiría o 2 % das transaccións.

A vivenda era entón un dos aspectos prioritarios. En xullo de 1971, eran inauguradas no Rosal trinta vivendas sociais pertencentes á Obra Sindical do Fogar. O municipio rosaleiro tamén vía aquel mesmo mes como se inauguraban varios teléfonos públicos.

José Castro ordenaba o asfaltado de todas as rúas céntricas de Ponteareas , salvo a praza Maior, que se deixaba para outubro porque se estaban levantando alí as beirarrúas. Había queixas na vila debido a que o tráfico da estrada nacional pasaba polo medio da localidade. Agardábase que se puidese facer en breve o traslado á chamada avenida de circunvalación.

A mediados de outubro, o director xeral do Servizo Nacional do Tabaco acudía ao Porriño para ver a recollida e tratamento desta planta que se cultivaba no municipio. Ramón Beneyto mostrábase moi compracido pola marcha desta explotación agrícola. A automatización do paso do ferrocarril por esta vila causou gran inquietude na poboación.

La Voz de Galicia publicaba o 21 de novembro de 1971 que o 70 % dos veciños de Mougás sabían solfexo. Responsable de tan loable coñecemento era a presenza da banda Unión Musical de Mougás, que fora creada en 1910.