
O proxecto do Concello, Portos e a Fundación Sabadell inclúe un mural, para o cal se seleccionará un artista galego
17 jul 2025 . Actualizado á 19:05 h.O Concello de Baiona, Portos de Galicia e a Fundación Sabadell asinaron este xoves o convenio para a restauración e mellora do dique da Doca, que incluirá un longo mural de temática mariñeira que «se converterá nun símbolo de Baiona», segundo afirmou o director de Portos de Galicia, Jose Antonio Álvarez Vidal.
Prevese que no verán do 2026 estea listo o espigón, xa reformado e decorado. O proxecto ten como obxectivo «axuntar os distintos mundos» das novas xeracións e dos maiores, unindo a arte co mar, segundo afirmou o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña.
Nunhas semanas darán comezo as obras de restauración do porto e mellora da súa estrutura. Portos de Galicia levará a cabo este labor, ademais da preparación do muro para o pintado artístico.
O cofinanciamento das obras será pública e privada. Son en total 422.750 euros. Portos de Galicia achegará 332.750 para o saneamento e reforzo da Doca. A Fundación Sabadell custeará o mural artístico con 90.000 euros. O Concello de Baiona, pola súa banda, será o encargado da tramitación dos permisos necesarios e a organización e supervisión do proxecto.
Para facer o mural seleccionarase a un artista. O proceso de selección comezará dentro duns meses, aínda que aínda non se estableceron datas concretas. Contratarao o Concello. A directora da Fundación Sabadell, Sonia Mulero Monroy, afirmou que a súa entidade xa realizou algunha suxestión e apuntou que «debería ser galego».
Mulero Monroy sinalou que a inspiración do mural estará nas cartas náuticas e a tradición pesqueira que envolve á costa galega e en especial a Baiona. A obra será unha «homenaxe á herdanza marítima do municipio», destacou.
O director xeral adxunto do Banco Sabadell, Pablo Junceda, destacou que «as cousas que duran no tempo son as cousas que se fan ben, que se colaboran e que se fan pensando nos demais».
Jesús Vázquez Almuiña afirmou que a idea principal é transformar o espigón «para que sexa máis querido, máis integrador e especial». O Concello de Baiona pretende que o dique sirva como un elemento de promoción do coñecemento da tradición pesqueira aos máis mozos, ao mesmo tempo que favoreza a conservación da contorna mariña.
En canto a Portos de Galicia, o presidente, José Antonio Álvarez Vidal, asegurou que o espazo portuario «non só será un motor de xeración de riqueza e emprego para as persoas que desenvolven unha actividade directa neles, senón tamén un espazo amable con valor engadido para o resto da veciñanza». Confesou que grazas a esta reforma, a Doca será «todo un símbolo de visibilidade» para a cidade.
O Concello destaca que a idea de facer o espigón da Doca é do ano 1913, cando se enviou unha solicitude ao Ministerio de Fomento. Nos anos 40 comezaron as obras que transformaron Baiona para ter unha imaxe como a actual, cun refuxio para os barcos. Agora tócalle renovarse.