O único talaso natural ao aire libre de Galicia está pechado en Baiona

La Voz BAIONA / LA VOZ

BAIONA

Mónica Torres

O investimento superou os 150.000 euros

15 ago 2020 . Actualizado ás 01:58 h.

Cetaria desde o século XIX e solario no XX, o primeiro talaso natural ao aire libre de Galicia permanece pechado este verán sen que ninguén o remedie. O complexo de auga mariña, gratuíto, non funciona este ano como tal e, en principio, por causas alleas ao coronavirus.

O alcalde de Baiona , Carlos Gómez, explicou en outubro do ano pasado que o goberno local tivo que eliminar todos os mecanismos deste talaso situado na cetaria centenaria da Torre tras os actos vandálicos que sufriu. Supúñase que reabriría en Semana Santa, pero tampouco foi así. O goberno local alegou de novo os danos que sufriu a instalación, supostamente por actos vandálicos ou por deficiencias do sistema. O certo é que, con chorros ou sen eles, a piscina en si tampouco está no mellor estado de mantemento nin para o seu regreso á situación de solario e, desde o 2016 ata o 2019, o investimento que se realizou neste proxecto denominado Poseidón, realizado en dúas quendas e cofinanciados, superou os 150.000 euros.

«Non hai escusa. En catro meses non foron capaces de prever a súa posta en marcha»

O portavoz popular, Anxo Rodal, promotor tanto como edil de Medio Ambiente como sendo alcalde, deste conxunto, é agora una das voce máis críticas coa actuación do goberno local. «Non hai escusa. En catro meses non foron capaces de prever a súa posta en marcha polo benestar dos cidadáns para adaptalo á nova normalidade», indica, achegando tamén a posible solución. «Sería tan sinxelo, rápido e sen custo como programar a aplicación que o controla para que os chorros sexan fixos durante o horario que permaneza activo. Este goberno local vai ao doado, non se preocupa por atoparlle solución aos inconvenientes e durante todo este ano o único que fixo é desmantelar os servizos públicos básicos para os cidadáns», sosteñen os populares.

Este complexo terapéutico, cuxos antecedentes na vila remóntanse os baños para a saúde documentados na Concheira hai xa 130 anos, recibiu o prestixioso galardón The best of top 100 destinations, na categoría de Best of seaside (o mellor da zona costeira), outorgado en marzo de 2019 en Berlín pola organización internacional Green Destinations. Este ano xa non abrirá como talaso.