Unha parella precipítase coa súa Porsche desde o parador de Baiona

BAIONA

O matrimonio, que caeu desde unha altura de 20 metros, foi rescatada e trasladada a un centro hospitalario

22 ene 2020 . Actualizado ás 23:23 h.

Un matrimonio sobreviviu este mércores ao susto da súa vida protagonizando o accidente de tráfico máis impactante que se lembra no centro urbano de Baiona. A parella estaba no recinto do parador Conde de Gondomar, onde se hospedaban, cando se produciu o sinistro. Segundo explicaron testemuñas presenciais, a parella ía aparcar o seu coche, un Porsche Cayenne, cando de súpeto, o vehículo saíu acelerado levándose parte das murallas do recinto fortificado por diante e precipitándose polo Paseo do Monte Boi. Na súa caída, o coche deu unha volta de campá antes de quedar cravado sobre o outeiro, tras uns vinte metros en caída libre.

 Faltaban dez minutos para as catro da tarde cando o sinistro deixou impactados aos clientes do establecemento e a varios veciños que paseaban polo carreiro do Monte Boi. Estes presenciaron como o coche saía voando con tres almenas por diante e tamén foron os primeiros en acceder, escalando o outeiro, ás vítimas. No lugar dos feitos presentáronse de inmediato a Policía Local, a Garda Civil e os servizos de urxencias do 112. Non foi preciso excarcerar a ningún dos ocupantes do vehículo. Trátase dun matrimonio que gozaba duns días de vacacións e hospedábanse no parador.

As dúas vítimas, únicos ocupantes do coche, foron trasladadas en ambulancia a un centro médico de Vigo para avaliar o seu estado aínda que, nunha primeira avaliación, considerábanse feridos leves. Un milagre sin duda dadas as características do sinistro, que facían presaxiar o peor xa que o coche se precipitou outeiro abaixo e podería ter acabado sobre as rocas. Moitas das testemuñas e dos membros dos servizos de urxencias apuntaron que tamén a robustez do vehículo foi decisiva para que os seus ocupantes non sufrisen danos maiores.

Trátase dun vehículo automático e, segundo indicaba outro cliente cun coche idéntico, «hai veces que, como ten unha gran cilindrada, acelérase só». A falta dun informe pericial feito por un experto, ninguén se aventuraba a formular calquera outra hipótese. «O condutor estaba a realizar unha correcta manobra de aparcadoiro cando, de súpeto, o vehículo acelerouse e saíu lanzado», insistían as testemuñas do sinistro. Pese ao dobre impacto, as vítimas puideron saír polo seu propio pé, coa axuda dos veciños e persoal da cadea hostaleira. Estaba previsto mobilizar un guindastre especial para poder rescatar o vehículo.