Nove bandeiras azuis menos pola falta de socorristas nas praias

jorge pereira VIGO / LA VOZ

BAIONA

XOAN CARLOS GIL

Os salvavidas denuncian a precariedade do seu oficio e a falta de recursos mínimos

21 jul 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Este verán as praias da área Metropolitana de Vigo perderon seis bandeiras azuis, o distintivo de calidade que concede a asociación Adeac en España. Os concellos de Cangas e Baiona renunciaron a unha e cinco bandeiras respectivamente, xa que este ano non dispoñen do número de socorristas suficientes esixidos por Adeac. Os seis emblemas refugados únense aos outros tres que a administración de Nigrán descartou en abril.

Xoan Manuel Pazos, alcalde de Cangas, informou que, desde o 12 de xullo, dispoñen de 19 socorristas e tres patróns de embarcación repartidos entre seis praias galardoadas coa bandeira azul: Rodeira, Nerga, Areabrava, Liméns, Menduíña e Melide. A escaseza de persoal levou ao Concello cangués a deixar Areamilla sen persoal de socorrismo e, xa que logo, a renunciar á insignia. A pesar do inconveniente, desde a administración local aseguran que Areamilla é facilmente accesible para os servizos de urxencia desde o contiguo centro urbano.

Alén da ría, Juan González, alcalde de Nigrán e presidente da mancomunidade do Val Miñor, afirma que o seu concello e o de Baiona cubriron 13 das 34 prazas ofertadas para servizos de urxencia nas praias. En Nigrán contan con seis socorristas, quince voluntarios e un coordinador repartidos entre os postos de Patos, Panxón e Praia América, ademais dunha caseta de Protección Civil no porto de Panxón. A maiores, os dous concellos agardan que esta semana se incorporen tres socorristas máis.

Pola súa banda, Carlos Gómez, rexedor de Baiona, confirmou que dispón de seis socorristas desde o primeiro de xullo. Baiona tivo que despedirse dos seus cinco bandeiras azuis ante a insuficiencia de profesionais salvavidas. O gobernador prefire garantir a seguridade no maior número de areais antes que conservar os certificados da Adeac: Ladeira, Santa Marta, Ribeira, Barbeira e Concheira perderon as súas bandeiras pero manteñen aos vixiantes.

González e Gómez están de acordo en que a solución ao déficit de socorristas pasaría por que a Xunta, a Academia Galega de Seguridade Pública e a Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia traballasen xuntas para sacar máis prazas de socorristas e custear a formación dos aspirantes.

Falan os socorristas

Desde a Asociación de Socorristas Profesionais do Morrazo (ASPOM) creen que a razón da escaseza de persoal é outra: a precariedade laboral. Moitos salvavidas deciden buscar oportunidades dentro da súa especialidade en localidades que paguen un salario maior que os 900 euros mensuais de media que ofrecen os concellos. Outros, cando non quedan prazas, prefiren deixar de lado o socorrismo e buscan traballo noutros sectores máis rendibles durante a estación cálida.

As dificultades non acaban aí: fontes de ASPOM revelan que moitos profesionais de salvamento realizan outro tipo de ocupacións temporais fose da época estival. Cando comezan as convocatorias a postos de salvamento, os socorristas con contratos noutros sectores non poden presentar a súa candidatura, xa que se lles esixe estar rexistrados como demandantes de emprego no Sepe.

Destacan a necesidade de recursos básicos: «que chegues a traballar e non se cumpran as condicións mínimas ou que o material estea obsoleto». A carencia de equipamento sanitario nos postos de socorro pode suporlles unha sanción ou, peor, unha pena por neglixencia no caso de que algún bañista saia mal parado, polo que moitos deciden non correr riscos e renuncian á praza de vixiante.

Por se fose pouco, desde a asociación denuncian casos nos que as praias máis grandes e multitudinarias apenas dispoñen de persoal de urxencia na beira. Advirten que é moi difícil supervisar as zonas máis amplas e poboadas con só dous socorristas, xa que é preciso que haxa suficientes efectivos para vixiar as zonas de baño e, de ser necesario, cubrir as tarefas de rescate e de comunicación.

O portavoz de ASPOM, con todo, é optimista respecto da comarca do Morrazo: «Fai cinco anos non dispuñamos de ningún desfibrilador. Agora no 80 % dos postos de socorro hai un». Para suplir estes problemas, di, é preciso que as administracións locais e autonómica invistan máis na seguridade dos areais durante o verán.

Baiona renunciou a cinco distintivos, mentres que Cangas a un e Nigrán a tres