Condenados a ver canles de tarot e esoterismo en Baiona

Monica Torres
mónica torres BAIONA/ LA VOZ

BAIONA

M T

Máis de cincocentas veciños de Baredo viven sen tele porque non lles chega o sinal a 22 días das badaladas

10 dic 2018 . Actualizado ás 20:40 h.

«Xa que só vemos as canles de videntes haberá que chamar para ver se eles saben cando se vai arranxar este problema». A broma é froito do humor co que máis de cincocentos veciños intentan soportar o feito de non poder ver a televisión. Os afectados calculan que o problema afecta a media parroquia de Baredo, nos barrios da Pedra, O Lombo, A Torre ou O Sinal. «Onte vin por primeira vez a Televisión de Galicia en tres anos porque fixeron un apaño, pero realmente nunca se ve», explica Isabel Miniño.

Os únicos que non se pixelan nas súas pantallas son as canles sen autorización dedicados case exclusivamente ao esoterismo e as paraciencia. A pesar de que chamaron a moitas portas, os veciños aseguran que o Concello e a comunidade de montes non chegan a un acordo sobre quen ha de pagar os 16.000 euros que custa modernizar as instalacións. Indican que o seu sinal depende dunha antena que emite o sinal cuns amplificadores obsoletos que hai que cambiar e que, no medio do debate sobre as competencias, decenas de veciños están condenados a vivir sen televisión. «Os maiores son quen peor o levan. Os que poden van aos bingos ou a xogar ás cartas ao centro cultural para pasar o tempo pero hai moitos que non poden saír da casa», afirma outro afectado.

A chegada á parroquia do 4G empeorou aínda máis a situación, «porque agora se distorsionan todas as canles», sinala outra veciña que, a pesar de ter posto xa dúas antenas na súa casa, segue sen ver a televisión. O seu malestar é evidente pola falta dun servizo que, se ninguén o remedia, obrigaralles a seguir as badaladas de Fin de Ano pola radio ou o móbil.

A situación provocou cambios de costumes e mentres a media de cidadáns goza dos días de mal tempo fronte ao seu televisor, en Baredo van ao revés. «Cando chove moito e fai vento xa sabemos que é mellor saír a pasear porque con esas condicións non hai xamais sinal de ningunha canle», apunta Isabel Miniño. Nalgunhas casas seguen a actualidade a través de Internet ou de canles de pagamento. Seguir as badaladas do reloxo da Porta do Sol antóllaselles imposible.