O alcalde de Baiona suspende o pleno do orzamento tras recusar á concelleira que deixou o PP

BAIONA

Óscar Vazquez

O goberno entende que a edila debe ausentarse cando se vote a amortización da praza da súa irmá

08 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A dimisión da concelleira popular Beatriz González esta semana, deixando ao goberno popular de Baiona en minoría, implicou a suspensión do pleno dos orzamentos que se ía celebrar hoxe. Segundo explicou a portavoz do partido, María Iglesias, o PP solicitou a recusación da concelleira «por parentesco» coa persoa que ocupa a praza de responsable de prensa. Nos orzamentos contémplase a amortización desa praza, polo que os populares consideran que Beatriz González debe ausentarse do pleno durante a votación dos mesmos.

Onte notificóuselle por vía electrónica e hoxe farase por burofax, informou Iglesias . Desde que o reciba, Beatriz González ten vinte e catro horas de prazo para presentar as alegacións que estimase oportunas. Se as formula, ha de presentalas para que as informe a secretaria municipal. As alegacións co escrito da funcionaria trasladaranse logo ao alcalde, que é o que ha de resolver. Pasadas 48 horas desde a decisión, o rexedor pode volver convocar a sesión plenaria correspondente.

Este procedemento dilatará o debate dos orzamentos, aínda que o PP considera que se resolverá moi rápido», polo que non se prolongará demasiado a votación. A dimisión de Beatriz González, que se pasa ao grupo mixto, deixa ao PP en minoría por primeira vez en dez anos. Agora ten oito concelleiros fronte a nove da oposición. Se a concelleira resulta recusada finalmente, é máis que posible que houbese un empate na votación que resolvería o alcalde facendo uso do seu voto de calidade. O abano de posibilidades amplíase se ao final non hai recusación.