Arbo estrea bancos sobre o Miño

ARBO

cedida

Están nos miradoiros de Amieira e Bravo, balcóns naturais sobre o río estratexicamente situados na senda dos pescadores

07 may 2021 . Actualizado ás 22:32 h.

Ao catálogo de bancos coas mellores vistas que estreou Redondela no 2015 e que desde entón creceu coa inclusión de randeeiras e pupitres en toda a área de Vigo, súmanse agora dous novos miradoiros con vistas ao río Miño. Arbo acaba de inaugurar senllos bancos nos miradoiros de Bravo e Amieira, en plena ruta dos pescadores, desde os que gozar dunhas vistas únicas nunha contorna privilexiada.

«O Concello acaba de rematar a mellora do carreiro de pescadores e xa está en marcha algún proxecto máis de recuperación do patrimonio histórico e cultural. Arbo atrae cada ano a miles de visitantes polo seu patrimonio, natureza e gastronomía e imos seguir investindo en cultura e turismo», indica o seu alcalde, Horacio Gil.