Erik Noya, a por a cima de Europa

Iván Antelo A Coruña

A Guarda

Cedida

O escalador galego afronta o luns en Múnic a gran cita do ano, un Europeo ao que irá por todas: «Vou pola presea máis grande»

11 ago 2022 . Actualizado ás 22:24 h.

Un dos deportes que causaron un maior impacto pola súa espectacularidade hai un ano nos Xogos Olímpicos de Tokio foi o da escalada. Un galego trata de abrirse paso na carreira cara a París 2024. É o guardés Erik Noya Cardona (Caracas, 1994), que neste 2022 está a render a un nivel espectacular, coleccionando medallas en diferentes probas da Copa de Europa e da Copa do Mundo.

O escalador galego, do Club de Montaña Coruña, afronta este luns a proba máis importante da tempada. Un Campionato de Europa ao que chega entre os favoritos ao ouro. «Estou moi contento por poder participar en Múnic. Sen dúbida vai ser a competición máis importante que vou ter este ano. Teño moitas expectativas e algún que outro nervio, pero vou confiado en poder facer un bo papel», explica.

Noya non rehúye das súas opcións a lograr o máximo, pero pon en valor a gran igualdade que existe na súa proba, a de velocidade , onde todo se decide por décimas de segundo. «Vai ser unha competición bastante dura. Nos Europeos nos que participei ata agora sempre había algunha baixa importante, pero neste non vai faltar practicamente ninguén. Así que seguramente será máis difícil de manexar que os anteriores», analiza.

«Levo dous ouros seguidos en Copas de Europa e unha prata, así como un segundo na Copa do Mundo, e eses resultados aválanme e axúdanme a ir con bastante ímpeto. É sin duda algo que me motiva para ir pola presea máis grande e importante, aínda que sendo consciente dos altos e os baixos que pode deparar unha competición deste estilo. Vou polo ouro, aínda que como diría a miña nai, sen contar os pollitos antes de nacer», engade.

A proba xerou unha gran expectación na escalada mundial e o deportista galego trata de xestionar a presión para dar o mellor de si. «Vou con moitas ganas, pero tamén con algún nervio polos moitos medios que hai cubrindo a proba. Vai ser retransmitida pola televisión pública, a través de Teledeporte , e tamén v vai ser a primeira vez que compitamos con máis deportes. É unha previa ao formato de clasificación olímpico, e iso increméntao todo. É importante para o CSD, para a Federación... Así que hai que facer un bo papel. O sitio é espectacular. Vai ser nunha praza pública», destaca o escalador guardés. «O que si podo asegurar é que na miña trincheira non se escatimaron adestramentos. Vou con todo e moi contento de poder representar á miña federación galega», finaliza.

Ademais de por a súa gran tempada, Noya chega a Múnic avalado pola súa prata no último Mundial de Moscova, celebrado no 2021. En Alemaña competirá o luns desde as dúas e cuarto da tarde. Primeiro a clasificatoria e dúas horas despois a final.