O alcalde da Guarda saca adiante o plan de reforma do pavillón co seu voto de calidade

Monica Torres
M.Torres A Guarda

A Guarda

cedida

O plan ascende a 1,6 millóns e contempla a reforma integral das instalacións

02 ago 2021 . Actualizado ás 12:50 h.

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, tivo que facer uso do seu voto de calidade para romper o empate que se produciu na votación do proxecto de reforma e ampliación do pavillón da Sangriña, que ten un orzamento de 1,6 millóns de euros. A aprobación plenaria era o requisito para que o proxecto poida optar á liña de subvencións ReacPon (Reacciona Pontevedra Provincia), co que a Deputación financia as actuacións que consigan o maior baremo segundo criterios de «madurez, calidade, e consecución dos obxectivos da Axenda 2030». Na votación houbo un empate xa que o equipo de goberno socialista votou a favor, do mesmo xeito que os edís do BNG presentes, pero rexeitárono os concelleiros do PP e Converxencia Galega.

«Resulta inexplicable que unha parte da corporación renuncie a conseguir unha subvención que pode acadar os 600.000 euros para modernizar unhas instalacións que necesitan mellorarse. O Club Atlético Guardés e os veciños da Guarda non o merecen, especialmente cando desde outras administracións como a Xunta e a Deputación recoñecen a prioridade desta modernización», defende Antonio Lomba.

O plan prevé renovar a fachada, crear unha planta superior para os espectadores, distintos vestiarios, aseos novos e varias melloras de accesibilidade e eficiencia enerxética.